CENTROS SOCIOCULTURAIS E EDUCACIÓN

O Concello de Santiago oferta 315 prazas de conciliación nos Centros Socioculturais e no Espazo de Lecer María Miramontes para este verán

26/04/2022 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, e o de Educación, Rubén Prol, presentaron hoxe en rolda de prensa os programas de conciliación de ambos departamentos para o período de verán, que unidos aos da Concellaría de Medio Rural, suman un total de 315 prazas. Nos próximos días tamén se engadirá a esta cifra, as prazas de conciliación para este verán nos centros escolares de Santiago.

Os Centros Socioculturais de Santiago ofertarán un total de 242 prazas en distintas actividades lúdico-educativas, no marco do programa de verán. 140 delas, as que dependen da concellaría de Medio Rural que dirixe José Manuel Pichel, desenvolveranse nos Centros Socioculturais da Gracia, Figueiras, Marrozos, Lavacolla, Laraño e Nemenzo. As outras 102, das que informou Javier Fernández, levaranse a cabo nos CSC de Pontepedriña (20), A Trisca (12), Santa Marta (40) e Vite (30). O prazo de inscrición comeza o vindeiro xoves 5 de maio e rematará o día 20 de maio.

Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos empadroados no Concello de Santiago. Desenvolveranse do 1 ao 29 de xullo.

Pódese solicitar o mes completo, cun custe de 80 euros; ou por quincenas, cun custe de 40 euros. Sobre este prezo poderanse aplicar distintos descontos. Dun 50% no caso de familias numerosas, monoparentais, con discapacidade, ou pensionistas; ou dun 20% cando participen dous ou máis irmáns no programa. As actividades serán de balde para aquelas familias nas que os dous membros estean desempregados ou en situación de risco social, circunstancias que deberán documentar cun informe previo do departamento municipal de servizos sociais.

Proximamente abrirase o prazo de preinscrición.

Espazo de Lecer María Miramontes
Pola súa parte, Rubén Prol informou do programa de conciliación de verán na ludoteca María Miramontes destinado a menores entre os 3 e os 12 anos, e cuxo prazo de inscripción estará aberto desde hoxe ata o próximo 6 de maio.

En total, o programa oferta 73 prazas: 20 para nenos e nenas de 3 anos; 30 para menores de 4, 5 e 6 anos; e 23 para cativos de 7, 8, 9, 10, 11 e 12 anos. O programa de conciliación levarase a cabo en seis quendas, entre o 23 de xuño e o 9 de setembro, en horario de 07:45 a 15:00 horas.

O programa desenvolverase en quendas: a primeira entre o 23 de xuño e o 1 de xullo, a segunda do 4 ao 15 de xullo, a terceira do 18 ao 29 de xullo, a cuarta do 1 ao 12 de agosto, a quinta do 17 ao 31 de agosto, e a sexta do 1 ao 9 de setembro. As persoas usuarias poderán desfrutar dun máximo de dúas quendas, agás que haxa prazas dispoñibles noutras.

O obxectivo deste programa é responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso a este servizo, que é de balde, priorizará, no caso de que houbese máis solicitantes que prazas a aquelas familias que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do equipamento, con preferencia das persoas vítimas de vilencia de xénero, familias monoparentais; ou familias con aló menos un membro co incapacidade laboral, entre outros supostos.

Para rexistrarse serán necesario descargar o formulario na sede electrónica do Concello de Santiago ou na web da ludoteca María Miramontes (modelo de solicitude ALTA NO ESPAZO EDUCATIVO E DE LECER " MARÍA MIRAMONTES"; ED009), nos prazos establecidos.

O procedemento de alta é o seguinte, por este orde: darse de alta no servizo, no rexistro xeral do Concello; a continuación recíbese a confirmación por parte do Concello; o terceiro paso é a solicitude de inscrición nas actividades na web do centro; e o cuarto paso, a confirmación da praza por parte da dirección do espazo de lecer María Miramontes.

Ademais, o concelleiro Rubén Prol anunciou que nos próximos días tamén se presentarán as actividades de conciliación de verán que se desenvolverán nos centros escolares de Santiago.

Compartir: