XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento de actividades a prol da igualdade e á prevención das violencias machistas

25/04/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as "Bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de actividades de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) e de prevención e loita contra as violencias machistas, para o ano 2022", que conta cun orzamento de 30.000 euros. Dos acordos adoptados, informou o concelleiro e secretario da Xunta de Goberno, Sindo Guinarte.

Poderá subvencionarse, ata esgotar o crédito dispoñible, o cen por cen do orzamento presentado polas entidades solicitantes, non podendo superar, en todo caso, a contía máxima da subvención por entidade de 2.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no BOP. O programa divídese en tres liñas de subvención:

A liña 1 é a relativa a programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes, que ten como obxecto apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero, entre elas: actividades de sensibilización e fomento da igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes; formación á poboación xuvenil en valores de igualdade de oportunidades para mulleres e homes; obradoiros en materia de igualdade, coeducación e prevención da violencia de xénero; actividades que fomenten a corresponsabilidade familiar e o cambio de condutas en materia de conciliación, e reparto de responsabilidades das tarefas doméstica e de coidado; accións relacionadas coa saúde da mulleres e o seu benestar xeral; formación en linguaxe non sexista; campañas de sensibilización sobre xoguetes non sexistas; actividades de información e sensibilización sobre roles e estereotipos de xénero, a súa repercusión na vida de mulleres e homes no espazo público e privado; accións sobre a educación en igualdade, dereitos, servizos e recursos para as mulleres; actividades para visibilizar o papel das mulleres na historia, na arte, na literatura, na política, na ciencia, no deporte,, etc.; actividades de formación e/ou información dirixidas ás mulleres do eido rural sobre melloras para o desenvolvemento deste sector produtivo;actividades de formación e de promoción do acceso e uso das novas tecnoloxías; ou actividades que promovan o empoderamento das mulleres.

A liña 2 refírse a programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de trato e a consecución dos dereitos do colectivo LGTBQI. Entre elas, as seguintes actuacións: actividades de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos das persoas LGTBQI; actividades de prevención da discriminación por razón de sexo, de orientación sexual ou identidade de xénero; actividades de información e sensibilización contra a LGTBIFOBIA; actividades dirixidas á prevención e loita contra o bullyng LGTBIFÓBICO; actividades que aborden o tratamento da diversidade sexual familiar e por razón de xénero, nos diferentes ámbitos sociais, ou calquera outra dirixida á consecución dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBQI e da igualdade efectiva deste colectivo.

A liña 3, refírese a programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Santiago de Compostela. O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas conducentes a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

Na área de Políticas Sociais, aprobouse o texto do convenio entre o Concello de Santiago de Compostela e a Asociación Acción Solidaria de Galicia (ASDEGAL ONG) para a implementación dunha "Rede e apoio a realización de actividades de voluntariado dirixidas a persoas maiores e menores con necesidades de acompañamento, dependencia e formación".

Este acordo, que non ten custe económico para o Concello, céntrase na creación desa rede que ten como obxectivos específicos o a acompañamento para persoas maiores en situación de soidade e persoas en situación de dependencia; apoio socioeducativo a menores en situación de exclusión social; ou clases de español e alfabetización a adultos en situación de vulnerabilidade. Entre as persoas que formen a rede de voluntariado, crearase un espazo estable de coordinación, intercambio de información, coñecemento e resolución de incidencias de casos atendidos por ambos.

Outros acordos
O executivo municipal tamén aprobou a licitación do proxecto de "Pavimentación rúa Elena Quiroga, A Barca, e A Braña de Silvouta (Villestro)", financiado a través do "Plan único de Concellos (POS+ 2021) – Deputación da Coruña", e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria, cun importe de 54.814,21 euros, IVE incluído.

Outro acordo destacado foi a adxudicación do servizo de "Rehabilitación do edificio Casa das Máquinas (Acondicionamento Interior)" á empresa a Esqueiro S.L., por un importe, IVE incluído, de 147.646,62 euros, ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas.

O Goberno Municipal tamén deu luz verde a apertura do procedemento de contratación do "Servizo de mantemento e conservación dos campos de fútbol municipais e zonas verdes anexas ás instalacións deportivas adscritas á xestión do Departamento de Deportes do Concello de Santiago de Compostela", establecéndose un tipo de licitación, para os próximos 4 anos, de 1.284.787,97 euros, IVE incluído.

Na área de deportes, acordouse prorrogar o actual contrato coa sociedade mixta "Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos S.L., ata 19 de maio de 2023, facendo coincidir a finalización desta prórroga coa acordada por unanimidade e de forma expresa no Consello de Administración do Consorcio da Cidade de Santiago respecto do complexo deportivo "Multiusos Fontes do Sar".

Aprobouse, ademais, a orde de continuidade do servizo de mediación sociocultural da rede de Centros Cívicos do Concello de Santiago de Compostela "Ferrovial Servicios S.A.", desde o 1 xuño de 2022 ata a data de adxudicación do novo contrato.

Tamén se lle concedeu ao Consorcio de Santiago de compostela, licenza para realizar, a execución de substitución da cuberta do Pazo de Raxoi conforme o "Modificado do proxecto básico e de execución de substitución da cuberta do Pazo de Raxoi. Segundo explicou Sindo Guinarte, o modificado afecta á colocación dos canalóns e baixantes e á recollida de pluviais, e non inflúe no orzamento de execución material da obra, que xa se está executando, e que sigue sendo de 571.515,34 euros.

Compartir: