MOCIDADE

Entrega de agasallos ao alumnado dos institutos Xelmirez II e Eduardo Pondal, premiados na campaña "Vas picar? Mocidade libre de apostas"

31/03/2022 O concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, entregou hoxe os agasallos aos premiados na campaña "Vas picar? Mocidade libre de apostas" para a prevención das adiccións aos xogos de apostas, iniciada polo Concello o pasado 29 de outubro. Catro alumnos e alumnas do IES Xelmirez II, e nove alumnos e alumnas dos grupos de 3ºA e de 3ºB do IES Eduardo Pondal, recibiron cadansúa mochila en gris, co lema "Vas picar?

Un total de 1112 estudantes dos cursos de 3º e 4º da ESO participaron nos 48 obradoiros desenvolvidos no último trimestre do 2021 no marco da campaña "Vas Picar?, Mocidade libre de apostas". Nestes obradoiros levouse a cabo un concurso onde se escolleron tres lemas no que o alumando se posicionaba contra o xogo de apostas: "Non depende de ti. É azar. Xa cho dixo Murphy"; presentado polo grupo gañador do Xelmirez II; e as propostas presentadas polos outros dous grupos premiados IES Eduardo Pondal, "As apostas son como o crush, nunca o vas conseguir" e "Pito, pito, gorgorito; ti non picas, eu non pico". Durante o acto, Rubén Prol recordoulle aos participantes que "é unha campaña para vós, que xurde da vosa sensibilidade sobre o tema".

O obxectivo da campaña, segundo explicou Ramón Molina, educador social de Arelar, é previr a adición aos xogos de azar, centrado, sobre todo nas apostas, desde unha perspectiva constructivista, "construindo o contido que se estaba traballando, para coñecer a perspectiva e experiencias do alumnado, para que esa prevención sexa efectiva".

Esta iniciativa, impulsada pola Concellería de Mocidade e realizada por Arelar, levouse a cabo en oito institutos de Santiago: IES xelmirez I, IES Xelmirez II, IES Rosalía de Castro, IES Sar, IES Pontepedriña, IES Eduardo Pondal, IES Lamas de Abade e Colexio La Salle. Contou ademais, co apoio co apoio dun total de 20 entidades de carácter social, deportivo ou cultural da cidade.

Compartir: