ALCALDÍA

Xosé Sánchez Bugallo participa na recepción de SM o Rei aos alcaldes e alcaldesas do Grupo de Cidades Patrimonio

31/03/2022 O Palacio de la Zarzuela acolleu esta mañá unha audiencia na que Don Felipe recibiu aos membros da Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da asociación, para presentar a aos seus novos membros tras a constitución das novas Corporacións Municipais. O alcalde aproveitou o encontro co monarca para trasladarlle a invitación á festividade do Apóstolo o 25 de xullo.

Tras a recepción no Palacio da Zarzuela, o alcalde de Santiago salientou "a enorme achega para España que representa o feito ter 15 cidades declaradas Patrimonio da Humanidade", non só "pola necesidade de preservación do patrimonio, senón pola responsabilidade de manter o patrimonio vivo e habitable". O rexedor compostelán aproveitou a ocasión para reiterar a invitación á Casa Real e a SM o Rei "para contar coa súa presenza nos actos do 25 de xullo".

Durante o acto, Don Felipe destacou que "España conta con 49 inscricións na Lista de Patrimonio Mundial da Unesco, dos que 15 son as cidades que integran o Grupo. Iso converte a España nun dos países do mundo con maior número de bens incluídos na lista da UNESCO" e subliñou que "as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade Unesco son embaixadoras da cultura do noso país no mundo".

O presidente do Grupo e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, agradeceu á Casa Real o seu apoio ao Grupo a través do tempo e lembrou o importante labor de preservación dos monumentos e centros históricos das cidades, así como o esforzo que esta tarefa representa para os concellos: "existen unha serie de obrigas que as cidades deben abordar, como o mantemento dos centros históricos, a protección ambiental, que en moitos casos foi degradada por desafortunadas intervencións modernas, a restauración e rentabilización de gran cantidade de patrimonio edificado de carácter monumental e todos aqueles problemas que produce o feito de enfrontar unha configuración do pasado coa vida actual".

O presidente do Grupo manifestou "a especial preocupación da súa Maxestade o Rey pola guerra en Ucraína e pola poboación que perdeu a súa vida, pero tamén pola destrución das cidades e do seu patrimonio histórico e cultural". Ademais, lembrou que desde o Grupo trasladou o seu apoio inquebrantable á poboación de Ucraína, pediu o restablecemento da paz e o respecto ao patrimonio histórico de Ucraína, que representa a memoria viva dos pobos, nunha declaración institucional de todos os alcaldes e alcaldesas.

Ademais, García Carbayo mostrou o agradecemento do Grupo a Raíña dona Sofía, que presidiu en distintas ocasións a inauguración do Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade, en colaboración coa Escola de Música Raíña Sofía: "sempre atenta ás nosas peticións para apoiar a Cultura e o Patrimonio, agradecemos unha vez máis á Raíña Sofía que presida o concerto extraordinario que se vai a celebrar o próximo 1 de xullo na Praza Maior de Salamanca, como o ano anterior fixo no Teatro Romano de Mérida".

O presidente do Grupo subliñou que "poñemos ao dispor da súa Maxestade e da Coroa a nosa entidade, coas súas 15 cidades, que representan o mellor de cultura española #ante o mundo, a súa riqueza e variedade, a súa pluralidade de linguas e costumes, coa experiencia destes case 30 anos de traballo conxunto, sumando e construíndo. Queremos adiantar que, o 17 de setembro de 2023 o Grupo celebrará o seu 30 aniversario, e convidarase á súa Maxestade a que nos acompañe nos actos conmemorativos desta efeméride, na cidade de Ávila, na que naceu o Grupo".

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España constituíuse o 17 de setembro de 1993, tras a integración na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO das cidades españolas de Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Desde entón, fóronse incorporando diferentes cidades tras obter a mención por parte da UNESCO.

Na actualidade forman parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

España conta con 44 bens declarados Patrimonio da Humanidade e 11 recoñecidos como Patrimonio Inmaterial. Iso converte a España no terceiro país con maior número de bens incluídos na lista da UNESCO, tras Italia e China.

Compartir: