URBANISMO

Nova xuntanza da Comisión mixta de Peleteiro

29/03/2022 Hoxe tivo lugar no Pazo de Raxoi unha nova xuntanza da Comisión mixta de Peleteiro, presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na que se "deu o pistoletazo de saída ao inicio das tramitacións que deben conducir á modificación do PXOM e, polo tanto, ao desbloqueo da operación Peleteiro".

O rexedor tamén indicou que na xuntanza desta mañá se elaborou un planning de reunións que fixa unha o vindeiro día 6 de abril para a presentación dos informes técnicos. O día 19 haberá outra xuntanza na que está prevista "a comparecencia da empresa e polo medio é probable que haxa algunha outra".

Sánchez Bugallo fixo fincapé tras a xuntanza en que "estamos entrando nun momento decisivo no que a operación Peleteiro pode saír adiante ou volver quedar bloqueda. Todo dependerá de se hai unha maioría necesaria e suficiente", abondou.

Na xornada de onte o rexedor, acompañado pola concelleira de Urbanismo, mantivo un encontro previo con representantes das asociacións Agadea, Raigame, Em-Rede, Punto Compostela, Santiago Centro e Hostalería Compostela, que amosaron, segundo indicou Sánchez Bugallo, "unha actitude moi positiva que quero recoñecer e agradecer". Na xuntanza de hoxe, ademais das asociacións representadas, do alcalde, da concelleira Mercedes Rosón, e de técnicos do departamento de Urbanismo, participaron os voceiros dos grupos municipais do PSOE, Sindo Guinarte; PP, Alejandro Sánchez-Brunete; CA, Marta Lois; e BNG, Goretti Sanmartín.

Compartir: