ACCIÓN CULTURAL

O ciclo De Lugares e Órganos volve á Semana Santa de Compostela

29/03/2022 A programación inclúe concertos e outras actividades que terán lugar do 8 ao 17 de abril en diferentes espazos da cidade. No evento participarán organistas de renome como Annelie Gahl, Michael Schöch, Cristina Alís, María de Mingo, Marta López, Marés Sonoras, Javier Artigas ou os Ministriles de Marsias.

De Lugares e Órganos volve ás datas da Semana Santa, despois de dous anos nos que a pandemia forzou o seu traslado ao verán. As distintas actividades da programación terán lugar entre o 8 e o 17 de abril, segundo anunciaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada pola directora artística do evento, Belén Bermejo.

"Para o Concello de Santiago é moi importante achegar a cultura a toda a cidadanía", comentou Mercedes Rosón, que fixo fincapé na "volta ás orixes" que supón o ciclo "a través da posta en valor o patrimonio e a historia sonora de Compostela". A sétima edición retorna "un ano máis, cunha programación que ten como protagonistas os órganos e os lugares de Compostela, testemuñas dun pasado esplendoroso que intentamos reconectar co presente e facer visible", explicou Bermejo. A directora artística tamén subliñou a intención, como xa se fixo anteriormente, de "descentralizar a programación e levala aos barrios de Compostela", ampliando desta volta o radio de acción.

Así, Annelie Gahl e Michael Schöch abrirán o día 10 de abril cun recital de órgano e violín en San Paio de Antealtares. Cristina Alís e María de Mingo presentarán en Santa Clara o martes 12 un programa de músicas para órgano, organetto e cítola, dos séculos XIII a XV. Da man da organista compostelá Marta López e do grupo Marés Sonoras, cruzaremos fronteiras o día 15 entre sonoridades e estilos, cun programa que mestura a música barroca co jazz e a improvisación, na Igrexa da Universidade. Pechará o ciclo o domingo 17 o internacionalmente recoñecido organista Javier Artigas, xunto aos Ministriles de Marsias, na Igrexa de Nosa Señora da Mercé (Conxo).

Alén destes concertos, De Lugares e Órganos propón unha achega ao órgano desde múltiplas perspectivas. Por segundo ano participará na gravación do programa Efervesciencia, da Radio Galega, para falar de tecnoloxía, ciencia e música no ronsel dun mítico instrumento, o órgano Hammond. Igualmente, o órgano sairá á rúa da man de Cristina Alís, promovendo un espazo de conversa e música no establecemento Juan Portela Seijo. Pola súa banda, o escritor e editor Henrique Alvarellos guiará unha andaina pola senda que conduce á carballeira de Conxo até o lugar do Banquete e do centenario carballo, e a figura dun ilustre compostelán, o organista frei Bartolomé de Olagüe, protagonizará un encontro en San Domingos de Bonaval, moderado polo investigador Andrés Díaz, e ao que porá música Fernando Buide.

As entradas para as actividades e concertos son de balde. Porén, cómpre retirar o convite a partir do 29 de abril na Zona C. Se non se esgotan, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde se celebre o evento, desde unha hora antes do seu comezo. O espazo de conversa e música con Cristina Alís será de entrada libre ata completar a capacidade, sen que sexa preciso retirar billetes previamente.

Compartir: