MEDIO AMBIENTE

O alcalde de Santiago recibe ás gañadoras do concurso de TikTok "Conecta coa economía circular"

28/03/2022 O xurado, conformado por representantes do Concello de Santiago, da UCGAL e polo crítico cinematográfico e musical Moncho Lemos, outorgou o primeiro premio deste concurso a Lucía García Amado, que se centrou en como abordar a problemática da contaminación ambiental a través das 4R; o segundo a Amira Rosón Prieto, que apostou por mostrar como darlle unha segunda vida á roupa; e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez, que abordou o impacto que está a ter o gran volume de lixo que xeramos e como podemos facerlle fronte.

As tres gañadoras do certame foron recibidas esta tarde no Salón Vermello do Pazo de Raxoi polo alcalde de Santiago, quen destacou e lles agradeceu o seu compromiso co medio ambiente e coas 4 erres de ecoloxía: Reducir, Reutilizar, Reciclar e Recuperar. No acto tamén estaban presentes a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; e as edís do PP, María Antón; e de Compostela Aberta, Branca Novoneyra.

O pasado 15 de marzo, día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia deron a coñecer os nomes das gañadoras do concurso de Tik Tok "Conecta coa Economía Circular". O primeiro premio foi para Lucía García Amado; o segundo para Amira Rosón Prieto e o terceiro a Rebeca Rey Vázquez. Durante o acto celebrado esta tarde no Pazo de Raxoi, a gañadora recibiu de man do alcalde un vale por 200 euros para usar no comercio local compostelán. Tanto a segunda como a terceira premiada recibiron un vale por 100 euros para gastar en establecementos de Santiago de Compostela.

A finais do ano pasado, o Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia puxeron en marcha diversas actividades para fomentar entre as persoas consumidoras do Concello de Santiago, un coñecemento máis profundo da economía circular. O concurso Conecta coa Economía Circular a través da aplicación Tik Tok era unha desas accións, unha proposta de concienciación e sensibilización destinada a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos que residisen ou estudasen no concello compostelán. Para participar tiñan que realizar un vídeo a través da aplicación Tik Tok centrado nas 4R, reducir, reutilizar, reciclar e reparar. Os vídeos debían ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o hashtag #EuCompost_ela.

Baixo o paraugas do proxecto #EuCompost_ela, o Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia continuarán a desenvolver actividades ao longo dos vindeiros meses. Dirixidas para público adulto, mozo e infantil, estas accións buscan afondar na difusión da economía circular entre os composteláns, promovendo o coidado do medio ambiente e o consumo de forma responsable.

Compartir: