XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a renovación de 23 solicitudes de autorización de venda ambulante

28/02/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa reunión de hoxe, a renovación de 23 solicitudes de autorización de venda ambulante, 8 de artesanía, 13 de tempada (recordos) e dúas de xeados e castañas.

Nas bases da renovación para venda ambulante de tempada (artesanía), establecíase que, unha vez renovada a autorización, poderían intalararse do 15 de marzo ao 31 de outubro. Pero, os vendedores presentaron un escrito solicitando poder vender a partir do 1 de marzo, petición que se fará efectiva a través dunha resolución que ten previsto asinar hoxe o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

En canto ás autorizacións de venda de artesanía, non todos os artesáns e artesás renovaron autorización, e hai algunha solicitude á que se requiriu para que subsanase. O período de venda contemplado nas bases é de xuño a setembro, ambos meses incluidos. Pero solicitaron, tamén a través dun escrito, poder instalar os seus postos a partir do 15 de marzo. Unha petición que tamén se tratará de atender.

Tamén se aprobaron as bases da convocatoria do "Premio Xohana Torres de Ensaio, Investigación e creación audiovisual sobre as mulleres na sociedade galega. Ano 2022", que establecen dúas modalidades de premio: ensaio ou creación audiovisual, cunha dotación 2.500 euros, para cadansúa, suxeito ás retencións fiscais que legalmente lle sexan aplicación. O prazo de presentación ábrese o vindeiro 8 de marzo e remata o 29 de decembro de 2022 ás 14:00 h.
En materia de contratación, a Xunta de Goberno Local acordou prorrogar o contrato suscrito coa empresa Espina y Delfín SL para a "Prestación do servizo de conservación, reparación e pequeña reforma de diversos edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago de Compostela", polo prazo de dous anos a contar dende o 3 de marzo de 2022, por un importe de 1.261.600,04 euros.

A maiores, o executivo municipal tomou coñecemento do proxecto "Deseño de rede itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono". Dentro das actuacións que está a levar ao Concello de Santiago de Compostela en materia de redución da pegada de carbono, a concellaría de Centros Socioculturais, Barrios e Obras solicitou a elaboración dun documento técnico que defina, a partir do "Estudo base para a definición do estado actual do uso da bicicleta en Santiago de Compostela e da capacidade de acollida de desprazamentos ciclistas da rede viaria existente", unha rede de itinerarios sostibles de carácter urbano para Santiago de Compostela, mediante a análise da trama viaria existente. O deseño desta rede vai facilitar a implantación de espazos para as novas formas de mobilidade en futuros proxectos construtivos cumprindo así coas esixencias europeas nesta materia. Así mesmo e de maneira colateral, a rede permitirá recuperar espazo público en favor do peón e reducir o uso do vehículo motorizado dentro da cidade.

Sentenza
Na Xunta de Goberno tamén se deu conta dunha sentenza sobre a liquidación do contrato de de xestión do servizo de ORA, guindastre e depósito de vehículos. O demandante é a anterior concesionaria, Setex Aparki, SA. que, segundo o fallo, debería aboar ao concelloa cantidade de 743.340,97 euros. Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a sentenza é claramente favorable aos intereses do Concello de Santiago.

Con data do 04.05.2018 o Concello aprobou a liquidación do contrato, resolvendo a devolución de 336.945 euros en execución da Sentenza estimatoria do PO 132/2015, do 19.05.2016; o abonamento de 630.679,93 euros en concepto de indemnización polos danos e prexuízos causados pola declaración de nulidade do contrato. Desta cantidade, 594.951,77 euros serían polo canon fixo, e 35.728,16 euros por outros conceptos. O total debía ser minorado pola cantidade adiantada por Setex, de 121.957,11 euros. Tamén se solicitaba que os bens, equipos e instalacións adscritos ao servizo reverterían ao Concello. E todo iso, sen prexuízo da cantidade a reclamar, no suposto de que o Concello tivese que indemnizar á entidade que impugnou a adxudicación do contrato.

A parte demandante impugnou esta liquidación. Argumentaba que Setex non é responsable da declaración de nulidade na adxudicación do contrato, xa que ofreceu unha parcela para o depósito; e se o Concello non comprobou que dita parcela cumpría o prego técnico, a responsabilidade era exclusivamente do Concello. Polo tanto, continuaban, non pode esixir cantidade algunha en concepto de indemnización, é dicir o canon fixo fixado por 594.951,77 euros. Pola contra, o Concello debería devolverlle os 121.957,11 euros adiantados. Con respecto aos bens, equipos e instalacións, a empresa fai referencia a unha nota achegada coa súa oferta, na que indicaba que o seu aporte era para a execución do contrato, de xeito que unha vez resolto, serían devoltos a empresa. Dada a imposibilidade de devolución dos mesmos, por amortización, en conclusións reclamaba o seu pago, que fixa en 899.919,11 euros (534.095,15 euros na demanda). E reclamaba tamén, polas taxas por retirada e depósito de vehículos, e depósitos xudiciais, non percibidas 1.081.740,60 euros; ademais do que percibira o concello pola reciclaxe dess vehículos.

A Sentenza resolve o seguinte:
Con respecto á "responsabilidade" na declaración de nulidade do contrato, considera responsables á empresa, por ofrecer unha parcela que non cumpría o prego, e ao Concello, por non verificalo. Polo tanto, a controversia debería resolverse nos termos das prestacións asumidas. E dado que a empresa recadou taxas e tivo ingresos, debe facer fronte ás súas obrigas económicas, é dicir satisfacer o canon ao Concello. Non obstante, na sentenza ordénase un novo cálculo do canon, que sería minorado nos 121.957,11 euros adiantados.
Con respecto ao investimento, o Xulgado conclúe que foron ofrecidos como mellora gratuíta, polo que deben reverter en favor do Concello. Por último, en canto ás taxas pendentes de cobro, o Xulgado considera que "a actora é responsable da súa propia desidia e non pode pretender que a Administración se faga cargo desa responsabilidade", polo que rexeita ás pretensións con respecto aos vehículos retirados, os depositados por orde xudicial, e mesmo ao que puidera obterse polo reciclaxe.

Finalmente, con data do 24.02.2022 a xefatura de servizo de mobilidade emite informe para a execución da citada sentenza, na que fixa as seguintes cantidades: 472.994,66 euros en concepto de canon fixo (xa descontados os 121.957,11 euros adiantados por Setex), 35.728,16 euros por outros conceptos (non cuestionados na sentenza), e 234.618,31 euros en concepto de xuros. O importante total son os 743.340,97 euros que a empresa debe aboar ao Concello de Santiago.
Contra esta resolución cabía interpor recurso de apelación. Non obstante, o Concello non recorreu. Por dilixencia de ordenación, do 10.02.2022, a sentenza 426/2021 foi declarada firme.

Licenzas
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesion dunha licenza a FINSA (Financiera Maderera S.A) para a construción dun silo cun orzamento de execución material de 155.025,58 euros. As obras consisten na construción dun espazo de almacenamento exterior de biomasa e cuberta metálica de chapa simple no parque de madeiras da fábrica de FINSA, cunha ocupación de 428,50 metros cadrados de altura de 13,50 metros. A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza 10 de actividades do mesmo Plan.

Tamén acordou conceder á Comunidade de Propietarios do inmoble da Av. de Cruceiro da Coruña, número 16, licenza para instalar un ascensor cun orzamento de execución material de 51.464,00 euros. Ademais, outorgouse licenza de obras a Jocana Inversiones SL para reforma e ampliación de edificación para destinala á actividade de hostal na Rúa da Eira Nova, cun orzamento de 400.000 euros.

Compartir: