MOBILIDADE

O Concello de Santiago e a ONCE presentan o proxecto piloto de avisadores nos semáforos para persoas con discapacidade visual

26/02/2022 O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, fixo entrega ao director da ONCE en Santiago, José Antonio Riveiro Canosa, de dez mandos a distancia que permitirán a persoas invidentes ou con alguna discapacidade visual, activar os avisadores acústicos instalados en varios semáforos da cidade. Mediante este sistema, o viandante pode usar o mando ou o seu móbil para accionar unha sinal acústica que lle axudará a moverse polas rúas.

O concelleiro Gonzalo Muíños entregou esta semana ao director da ONCE de Santiago, dez mandos homologados, resultado do proxecto piloto PASBLUE desenvolvido polo Concello, para que sexan distribuídos entre viandantes invidentes ou con discapacidades visuais para activar os avisadores acústicos instalados nos semáforos de varios puntos da cidade. Trátase de dispositivos con tecnoloxía PASBLUE que permiten á persoa activar o son do avisador a través do mando ou do teléfono móbil para que sirva a modo de guía para cruzar as rúas con maior seguridade.

Os semáforos que disporán dos avisadores están ubicados nos seguintes puntos: praza de Galicia con rúa Hórreo, praza de Galicia con rúa Senra, praza de Galicia con rúa de Santo Antonio, avda. Romero Donallo con avda Villagarcia, rúa Fernando III con rúa do Hórreo, avenida Rosalía de Castro, antes rotonda Camiño Novo; rúa dos Feáns con avenida de Rosalía de Castro; avenida Romero Donallo, rotonda Camiño Novo; e rúa da Rosa con praza de Ponte Castro.

Tecnoloxía PASBLUE

O equipo PASBLUE, de igual modo que todos os seus antecesores, actúa a demanda do usuario grazas ao mando a distancia amplamente estendido entre os usuarios. Para a súa activación utilízase o botón dereito. Cando se pulsa o botón o PASBLUE contesta cunha serie de tons que indican que o sistema xa está activado.

A partir dese momento o equipo esperará a que comece un ciclo de verde completo. Nese momento o equipo comezará a emitir os sons de paso. Unha vez finalizado o ciclo, o semáforo quedará en silencio ata unha nova activación.

Compartir: