EDUCACIÓN

Case un centenar de cativos entre os 4 e os 12 anos participarán nas actividades de conciliación de Entroido nos próximos días

25/02/2022 Un total de 90 nenos e nenas asistirán ás actividades de conciliación familiar previstas polo Departamento de Educación durante as vacacións de Entroido, tanto nas escolas infantís municipais de Conxo e Meixonfrío-Salgueiriños, como no Espazo de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas).

Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela, e cubrirán un amplo horario ao longo das xornadas do 20 de febreiro, e 1 e 2 de marzo co obxectivo de facilitar a conciliación persoal e laboral das familias dos cativos.

Escolas Infantís Municipais
Os obradoiros das escolas infantís de Conxo e Meixonfrío-Salgueiriños acollerán un total de 30 participantes, servindo como lugar de encontro para nenos e nenas do segundo ciclo de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria, cunha proposta diferente e lúdica, e ofertando unha serie de actividades ós máis pequenos/as que permitan ás súas familias seguir cumprindo cos compromisos laborais.

O horario dos obradoiros será de 10:00 á 14:00 horas, pero ofrécese a posibilidade de solicitar servizo de almorzo (de 9 a 10 horas), de comedor (de 14 a 15 horas) e horas a maiores (entre as 7.30 h e as 10 h e entre as 15 h e as 16 h).

Con estes obradoiros búscase facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia, a través dos seguintes obxectivos específicos:

• Sensibilizar aos nenos/as con diferentes disciplinas artísticas de xeito divertido.
• Fomentar a curiosidade, as gañas de aprender e de descubrir novas aventuras.
• Desenvolver a autonomía persoal no día a día.
• Dar a coñecer diferentes actividades lúdicas de lecer e tempo libre.
• Promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade.
• Fomentar o compañeirismo e a tolerancia a través de actividades de traballo en equipo.
• Coñecer o entorno que nos rodea.

Espazo de lecer María Miramontes (Ludoteca de Fontiñas)

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, ubicado no barrios das Fontiñas recibiu un total de 60 incricións para os actividades de conciliación de Entroido. 36 son para a cativada de entre 4 e 6 anos; e 24 para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos.

Este centro, cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas, conta con equipamento para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Programación

A temática das actividades xirará arredor das festas do Entroido, os festexos máis icónicos da tradición galega. A enerxía dos peliqueiros, as composicións dos xenerais do Ulla e as cores dos boteiros (entre moitos outros) guiarán unha viaxe en busca dos paralelismos desta festividade noutros lugares (Cádiz, Águilas e Gran Canaria) para que, a través de xogos e obradoiros, poidan descubrir as diferentes dinámicas, vestimentas e tradicións que se levan a cabo neses lugares.

Desenvolveranse tres tipos de actividades: os xogos de activación con intensidade para estimular a actividade física e mental dos nenos e nenas; o gran xogo, actividade de gran contido temático onde se traballan os aspectos de interese do tema escollido; e os obradoiros para a creación de complementos e decoracións de entroido con diferentes materiais.

As actividades diarias estrutúranse da seguinte maneira:

Día 1: a arte de rimar

Os xenerais do Ulla, cargados de coplas e letras viaxan ata Cádiz para amosar as súas regueifas. Presentarase aos participantes o poder do ritmo e da rima, esencial nas regueifas galegas e nas chirigotas. Traballarase a formación e musicalización das rimas así como os ritmos e as súas variantes.

Día 2: a arte de crear

Os peliqueiros, as pantallas, osos e vellaróns trasladarán a súa enerxía na creación de accesorios e vestiario para participar no desfile de Águilas. A roupa e as creacións artísticas serán as protagonistas principais do entroido sendo éstas sinónimo da alegría e diversión.

Día 3: o gran desfile
Damas e galans, boteiros e volantes viaxan ata Canarias para formar parte do desfile. O festexo e celebración do Entroido, patente nos famosos desfiles das comparsas galegas e nas Palmas de Gran Canaria.

Fomentarase a organización grupal e a autoxestión para a organización dun desfile propio de comparsas de entroido.

Compartir: