XUNTA DE GOBERNO

Mañá ábrese o prazo de inscrición no programa de conciliación de Entroido do espazo educativo e de lecer María Miramontes

31/01/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o procedemento e os prazos de inscrición para o programa de conciliación de Entroido no espazo educativo e de lecer María Miramontes. O prazo de inscrición comeza mañá martes, 1 de febreiro, e remata o próximo día 14. Ofértanse un total de 60 prazas, todas elas de balde, destinadas a menores empadroados ou que estean matriculados nun centro de ensino no municipio de Santiago de Compostela. 36 son para a cativada de entre 4 e 6 anos; e 24 para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos.

A distribución de prazas pode variar dependendo do número e idades dos menores participantes. O programa de conciliación desenvolverase os días 28 de febreiro, e 1 e 2 de marzo; en horario de 7:45 h a 15:00 h. Atendendo ás medidas que derivan da situación sanitaria e pola limitación de prazas autorizadas neste equipamento pola Xunta de Galicia, é necesario restrinxir o número de menores usuarios que poden facer uso do servizo, no caso de que haxa máis solicitantes que prazas. Por este motivo, priorizaranse o acceso aos servidos daquelas familias que traballaen ou estean en tránsito do traballo a casa, entre as 7:45 e as 15:00 h.; familias en risco de vulnerabilidade, familias con nenos e nenas de acollida e familias numerosas.

Solicitude prazas
Haberá unha única vía de acceso a través do rexistro. A persoa legalmente responsable do menor debe dar de alta a cada usuario ou usuaria, cubrindo o formulario de solicitude correspondente,que pode descargar a partir de mañá nesta mesma web ou na páxina específica da ludoteca María Miramontes (modelo de solicitude "Alta no espazo educativo e de lecer María Miramontes).

Os pasos a seguir no procedemento de alta son:
1. Alta no servizo no rexistro xeral do Concello.
2. Confirmación por parte do Concello.
3. Solicitude de inscrición nas actividades na web do centro.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén acordou non autorizar a ampliación do prazo de execución das obras "Actuacións no Camiño Francés en Santiago de Compostela: remodelación da rúa dos Concheiros, formulada pola UTE CONCHEIROS 2 no seu escrito de data 05/01/2022. O prazo de remate das obras estaba fixado para o 22 de xaneiro pasado.

Na reunión do executivo local acordouse, ademais, rexeitar os recursos de reposición interpostos contra o acordo da Xunta de Goberno local do Concello de Santiago de Compostela do 29 de novembro de 2021 polo que se concedeu a licenza de obras para edificio comercial e unidade de subministro de carburantes desatendida no Paseo de Esvedro-Paseo de Amaia, en Brandía.

Compartir: