BARRIOS E OBRAS

Inauguración do campo da festa do Castiñeiriño

30/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou hoxe o campo da festa do Castiñeiriño. Son, segundo explicou o rexedor, uns 5.000 metros cadrados de espazo de uso polivalente, que responde tanto as demandas como as necesidades do barrio xeradas polo seu crecemento residencial.

No acto tamén estaban presentes responsables da Comisión de Festas do Castiñeiriño; así como representantes de distintas entidades e asociacións veciñais. Asistiron, ademais, os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; de Barrios e Obras, Javier Fernández; de Deportes, Esther Pedrosa; de Educación, Rubén Prol; e os edís do PP, Beatriz Cigarrán; de Compostela Aberta, Xan Duro e María Rozas; e a portavoz do BNG local, Goretti Sanmartín.

As obras do campo da festa do Castiñeiriño, incluídas no remanente de 2019, contaron cun investimento de algo máis de 400.000 euros. Os colectivos veciñais viñan demandando o acondicionamento como novo campo da festa de dúas parcelas dotacionais, de 1.200 m² e de 3.961 m², xeradas pola urbanización do polígono SUNP 11 do Castiñeiriño; e situadas detrás da igrexa de Nosa Señora de Fátima e do antigo colexio Ramón Cabanillas.

Atendendo a petición e á vista das novas necesidades do barrio xeradas por o seu crecemento residencial, estableceuse que o novo campo da festa debía ter unha funcionalidade polivalente que puidera albergar distintas actividades. Polo tanto, o proxecto construtivo contemplou, no seu deseño, distintas funcionalidades tanto fixas como temporais; entre elas gradas, acceso ás antigas instalacións do colexio Ramón Cabanillas para o seu posible aproveitamento, ou espazo suficiente para instalar atraccións de feira ou palcos móbiles. Unhas instalacións que segundo destacou o alcalde, xa están sendo utilizadas por numerosas nenas e nenos para os seus xogos, para partinar, andar en bicleta ou practicar fútbol.

As obras consistiron na pavimentación da explanada existente con formigón. Para elo levouse a cabo un movemento de terras que permitiu dotar a todo o campo da festa dunha pendente, tanto lonxitudinal como transversal, dun 2%. A maiores, realizáronse distintas actuacións para garantir tanto a drenaxe de augas pluviais, coa execución de pozos de rexistro e tubaxes; como o alumeado, coa execución das canalizacións de polietileno, arquetas de rexistro, fíos condutores, báculos e luminarias. Tamén se instalaron gradas prefabricadas, con escaleiras nunha das marxes, e se acondicionaron distintos espazos de zonas axardinadas nas beiras do acceso ao campo da festa.

Compartir: