RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Descúbrese unha placa en Boisaca co nome de cinco vítimas do franquismo, nun acto que Sindo Guinarte definiu como "de xustiza histórica"

29/01/2022 Hoxe tivo lugar no cemiterio de Boisaca o descubrimento dunha placa na memoria de Eugenio Rodríguez, José Lijó, José Sieira, Julio Silva e Manuel Fernández; todos eles vítimas do franquismo. Un "acto de xustiza histórica", como o definiu o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte.

No acto, organizado pola "Comisión pola Memoria Histórica do Barbanza", tamén interviron tres familiares das vítimas, o alcalde de Ribeira, e o grupo Barahúnda. A continuación, descubriuse a placa, xunto ao muro no que eran asasinadas as persoas contrarias ao pensamento franquista. Aos nomes desas persoas represaliadas e moitas fusiladas por loitar pola democracia e a liberdade, únense agora cinco máis, porque, como subliñou Sindo Guinarte, "a memoria histórica deses anos precisa do recoñecemento e dignificación das vítimas, porque as feridas non se poden pechar se por dentro non están sanadas con xustiza".

Ao acto tamén asistiron disintos membros da Corporación Municipal. Entre eles, as voceiras de Compostela Aberta, Marta Lois; e do BNG local, Goretti Sanmartín, así como o edil Xan Duro, tamén de CA.

Compartir: