PLENO

O Pleno manifesta o seu apoio a Tanxugueiras con motivo da súa participación no Benidorm Fest como candidatas a representar a España en Eurovisión

27/01/2022 Nunha sesión ordinaria celebrada esta mañá, o Pleno da Corporación aprobou unha moción de urxencia conxunta de todos os grupos municipais para deixar constancia do seu apoio ao grupo Tanxugueiras que están a participar actualmente no Benidorm Fest, onde se decidirá a súa posible participación no Festival de Eurovisión.

O Pleno da Corporación quixo amosar así o seu respaldo ao grupo galego "tanto pola calidade musical da canción Terra, como por ser o primeiro tema cantado en lingua galega" que inclúe tamén todas as linguas cooficiais do Estado e que ten opcións de participar nun festival internacional e "levar as nosas raíces musicais por toda Europa".

A moción presentada tamén destaca a "boa acollida deste tema entre o público nacional e internacional e a crítica especializada" e se suma á "homenaxe que rende a todas as nais, as avoas, e ás mulleres que mantiveron viva a nosa tradición oral, a nosa música e a nosa cultura". Ademais esta iniciativa conxunta recoñece a súa capacidade para transmitir unha mensaxe de "empoderamento feminino e de modernidade de Galicia" así como unha "imaxe da pluralidade do que significa España".

Aprobación definitiva da ordenanza que permite o pago fraccionado ata en 9 cotas

Outro dos puntos da orde do día foi a dación de conta da aprobación definitiva da modificación da "Ordenanza 0.00 xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e doutros ingresos de dereito público", que introduce o pago fraccionado dos seguintes tributos: Imposto de Bens Inmobles (IBI), Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), Imposto de Actividades Económicas (IAE) e as taxas de utilización privativa e aproveitamento especial do dominio público, como vados, cadeiras, tribunas, quioscos, e outros elementos.

Con data do 19 de xaneiro do 2022 publicouse no Boletín Oficial da Provincial a aprobación definitiva da modificación da devandita ordenanza. Tendo en conta o curto espazo entre a entrada en vigor da modificación da norma e data límite para poder acollerse ao sistema especial de pago que prevé, co fin de que os cidadáns que o desexen poidan escoller esta opción para o cumprimento das súas obrigas tributarias, excepcionalmente durante o ano 2022, admitiranse as solicitudes de adhesión ao sistema especial de pago presentadas ata o 10 de febreiro do 2022, incluído.

O procedemento para solicitar o fraccionamento ata en 9 cotas pode consultarse na páxina web do Concello.

Compartir: