ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal ofrece un novo concerto baixo o título "Batuta en Ruta I: tradición e renovación" dentro do ciclo "Rutas e Sinfonías"

27/01/2022 O Teatro Principal acolle este domingo a partir das 12:00 h un concerto con pezas de Amando Blanquer, Robert Jager e Joaquim Serra, baixo a batuta do director convidado Marcel van Bree.

No marco do Ciclo II "Rutas e Sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 30 de xaneiro ás 12:00 h no Teatro Principal o espectáculo "Batuta en Ruta I: Marcel van Bree", dentro da liña de programación que trae directores convidados á BMSC.

O prestixioso mestre holandés Marcel van Bree, afincado en Galicia dende fai máis de 3 décadas, será o responsable de dirixir a Banda Municipal, cun programa titulado "Tradición e Renovación", no que conflúe un repertorio de gran envergadura no eido da composición. As obras que configuran o concerto, plantéxannos dalgún xeito o impulso de buscar novas sonoridades ou novas maneiras de presentar a música arraigada na sociedade, pero dende unha panorámica diversa e innovadora.

Obras

A obra de Glosses II do alicantino Amando Blanquer é unha das pezas máis representativas da literatura de vangarda española da segunda metade do s. XX, construída cunha linguaxe modernizada a pesar de nutrirse de raíces folklóricas. O estadounidense Robert Jager decide inspirarse nun tema do romántico Robert Schumann para experimentar pola tímbrica camerística e orgánica da banda moderna. Estampes Simfoniques do catalán Joaquim Serra é unha música de aspecto andalucista moi cercano ó estilo de Turina, Falla e Albéniz, con esa esencia folklórica e nacionalista, vestido de toda a tímbrica de influencia francesa. Por último a suite de Weiner é unha música de raíz absolutamente folklórica traída ó discurso sinfónico con gran maxisterio.

Entradas

A entrada é de balde e obrigatoria para o acceso por mor do control dos aforos. Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo.

Compartir: