ALCALDÍA

O alcalde chama á responsabilidad individual e colectiva para rematar coa pandemia e lanza unha mensaxe de optimismo de cara ao 2022 na Ofrenda da Translación

30/12/2021 O alcalde de Santiago exerceu esta mañá de delegado rexio na Ofrenda da Traslación que, como cada 30 de decembro, se celebra na Catedral de Santiago. Nesta ocasión, asistiu a ministra de Turismo, Reyes Maroto; así como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

O delegado rexio referiuse na Ofrenda á situación xerada pola covid e chamou á responsabilidad dos que aínda non están vacinados: "Hai un ano, a esperanza da vacina comezaba a materializarse. Hoxe, máis do 80% da poboación española recibíu a pauta completa. Case o 90%, no caso da galega. Pero aínda así, 368 días despois de inoculada a primeira dose, son moitos os que non están vacinados. Algúns porque viven en países nos que o acceso a este tipo de tratamentos está reservado a unha minoría privilexiada. Non podemos esquecernos deles. A nosa obriga moral como sociedade é procurar o benestar de todos os cidadáns e cidadás do planeta, con independencia de onde naceron ou da riqueza que atesouren. Outros, aínda tendo acceso e todas as facilidades, decidiron non vacinarse. Vivimos nunha sociedade global onde se respeta a liberdade individual, pero ésta non debe poñer en risco a saúde do resto da cidadanía, nin comprometer a viabilidade do sistema sanitario. Fago, de novo, un chamamento á responsabilidade individual e colectiva", reiterou.

Tamén indicou que será preciso prestar atención ás secuelas económicas, tarefa na que serán de gran axuda "o fondo europeo de reconstrucción" ou a prolongación do Ano Santo durante o 2022, pero tamén as psicolóxicas: "as incertezas, as restricións, as perdas….sostidas durante tanto tempo están deixando unha fonda pegada psicolóxica na sociedade. Debemos estar moi atentos e destinar os recursos necesarios para facerlle fronte".

A pesar desta dura situación que se prolonga no tempo, o rexedor quixo ser optimista: "debemos seguir loitando sen desfalecer. Todos xuntos, codo con codo. Non me cabe dúbida de que, como sociedade, seremos capaces de vencer neste desafío, un dos maiores, senón o maior, aos que nos tivemos que enfrontar nos últimos tempos". Pediu neste empeño a colaboración de todos pois "estamos obrigados a actuar con responsabilidade individual sen fiar unicamente un resultado satisfactorio ás medidas restritivas establecidas polas autoridades competentes".

Agrademento á Casa Real
O rexedor comezou a Ofrenda agradecendo a súa designación como delegado rexio ao Rei Felipe VI e salientando a vinculación e o apoio da Casa Real a Santiago, aos seus habitantes e "aos seus símbolos máis universais, a Catedral e o Camiño".

Precisamente da Catedral, Sánchez Bugallo destacou que "chega ata os nosos días con renovado esplendor, tras anos de rehabilitación", traballos que se fixereon merecentes do Premio Patrimonio 2021 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. "O resultado foi excelso e permitirá a esta xoia do patrimonio mundial encarar o futuro con renovada forza e beleza para acoller no seu seo aos millóns de peregrinos e de fieis que están por chegar".

O proxecto de restauración da basílica "é o exemplo do frutífera que resulta a colaboración institucional entre administracións e entre o público e o privado, e os enormes beneficios que iso reporta á cidadanía", salientou o rexedor, que tamén referiu como mostra de bo entendemento entre adminis tracións a xuntanza do Real Padroado de Santiago o 25 de xullo, despois de 18 anos. Do documento estratéxico "Compostela 2021-2032" elaborado polo Consorcio de Santiago e bendecido polo Real Padroado terá que sair "o Santiago do século XXI", apuntou o delegado rexio.

Acto da Translación
Á Ofrenda pronunciada polo delegado rexio seguíulle a Homilía, a cargo do arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Nela recordou a importancia do Ano Santo Compostelán para moitas persoas que "peregrinan co desexo de iluminar a súa escuridade", especialmente "no medio da crise sanitaria, económica e psicológica que nos afecta" e na que precisamos "recuperar a confianza, situándonos nun horizonte moral para mellorar a nosa convivencia". O Arcebispo tamén urxiu a "recuperar o sentido transcendente da vida, a visión de futuro, a corresponsabilidade, e a fraternidade que fundamentan a confianza nos distintos ámbitos da vida".

Logo da misa, as autoridades dirixíronse ao pazo de Raxoi, onde se celebrou unha recepción e a sinatura do delegado rexio no Libro de Honra. Con carácter previo celebrouse o tradicional pase de revista ás tropas na praza do Obradoiro e o saúdo ás autoridades.

A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV, esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: