MEDIO AMBIENTE

Santiago presentará o proxecto para elaborar a Estratexia de infraestrutura verde e adaptación ao cambio climático, que suma preto de 5 millóns, ás axudas convocadas pola Fundación Biodioversidad

29/12/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, confirmaron en rolda de prensa que o Concello se presentará á convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidad para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas. O proxecto, de preto de 5 millóns, podería obter unha subvención de ata 4 millóns.

O rexedor explicou que o proxecto que presentará Santiago está orzamentado en 4.966.445 euros e "pretende dotar a cidade dun modelo urbano sostible" aumentando a súa infraestructura verde, potenciando a conectividade ambiental do conxunto e rexenerando áreas ambientalmente degradada que permitan crear novos ecosistemas e así incrementar a biodiversidade.

Esta iniciativa, en liña coa "Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032" aprobado por Consorcio, "permitirá mellorar a habitabilidade no espazo urbano, e aumentar a resiliencia da cidade ante os efectos do cambio climático" para dar cumprimento á Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.

A concelleira Mila Castro salientou que a estratexia verde "se orientará á renaturalización de espazos verdes e áreas naturais de alto valor para crear unha verdadeira rede interconectada mediante corredores naturais" a modo de cinturón verde da cidade.

Orzamento

Cun orzamento total previsto de case 5 millóns de euros, a estratexia contempla unha serie de actuacións nas seguintes zonas da cidade: Xardín Botánico, por un importe previsto de 372.680 €; a lagoa do Auditorio de Galicia, 1.018.820 €; entorno de Salgueiriños, 879.670 €; en Fontiñas, 463.430 €; e Anel Verde perimetral, 1.566.345 €.

Tamén se recollen partidas para a elaboración da propia estratexia (242.000 €), o plan de participación e gobernanza (175.450 €), o plan de comunicación e concienciación (187.550 €) e a medición de indicadores (60.500 €).

Áreas de actuación

No Xardín Botánico, próximo á desembocadura do Sarela no río Sar, mellorarase o estado salvaxe das parcelas coa creación de hortas urbanas, a plantación de carballos e castiñeiros e a recuperación dos muros de contención e as canles de derivación aos muíños.

Con respecto á lagoa do Auditorio de Galicia, levarase a cabo un dragado para eliminar a gran cantidade de sedimentos acumulados co fin de mellorar a calidade da auga e a súa capacidade para acoller flora e fauna autóctonas. Nesta área tamén se prevé una intervención nas fachadas dos edificios colindantes da Universidade de Santiago coa colocación de xardíns verticais ou plantas trepadoras autóctonas.

Outra das zonas prioritarias é a contorna do mercado de Salgueiriños, onde se prevén labores de permeabilización do pavimento, así como a plantación de árbores autóctonas e soportes de plantas trepadoras que favorezan a presenza de pequena fauna co obxectivo de fomentar a biodiversidade.

A Estratexia apuntará tamén unha serie de actuacións no barrio das Fontiñas, centradas en aproveitar as aguas pluviais reducindo a demanda de auga de rego das zonas axardinadas e aumentando a permeabilidade dos terreos para e evitar os danos que as escorrentías causan na edificación.

Anel Verde perimetral

Mila Castro recordou que nos últimos anos se rehabilitaron unha serie de itinerarios para recuperar as veigas dos ríos Sar e Sarela para a cidadanía, aínda que "non se corresponden cos percorridos naturais e discorren ademais por zonas urbanizadas e pavimentadas".

Para resolver esta problemática, a estratexia incidirá en completar a rede de sendas verdes creando un cinto verde ao redor da cidade a través da integración ecolóxica dos diferentes tramos e a ampliación da senda cara ao norte.

Compartir: