EDUCACIÓN

O alcalde de Santiago e o concelleiro de Educación visitan as actividades de conciliación na Ludoteca de Fontiñas

29/12/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, visitaron o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes para coñecer de preto as actividades lúdico-educativa dirixidas á infancia no marco do Programa de Conciliación de Nadal

O pasado 22 de decembro deu comezo o Programa Municipal de Conciliación Nadal na Ludoteca de Fontiñas. Durante este período, este espazo permanecerá aberto de luns a venres en horario de 07:45 h a 15:00 h con fin de permitir ás familias que o precisan conciliar e aos nenos e nenas desfrutar do tempo de ocio con actividades especiais.

Así, o programa de actividades deste ano ten como fío conductor o libro Selva, de Marina Gibert, gañadora do XVI Premio Internacional "Compostela" para álbums ilustrados 2021 que convoca o Departamento de Educación e a editorial Kalandraka. Empregando o xogo como principal motor da aprendizaxe, os nenos e nenas desfrutarán en horario de 10:00 h a 13:30 h de obradoiros, actividades de expresión, dinámicas predeportivas, xogo libre e xogo simbólico...nunha selva onde nada é o que parece; un percorrido onde o contido principal dará pé ao traballo coa flora e fauna das selvas, os climas, etc.

Ao longo de todo o período vacacional un total de 105 nenos e nenas participarán no programa de actividades divididos en grupos burbulla por idade co fin de evitar a propagación da covid. Todas as actividades e servizos ofertados son de balde.

Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, ubicado no barrio das Fontiñas, conta cunha superficie total construída de 1.080,50m2 e unha superficie útil de 730,63 m2, dividida en dúas plantas.

O edificio está concibido para acoller espazos de xogo libre, espontáneo e creativo e tamén dirixido, co obxecto de proporcionar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos, espazos acondicionados para o xogo, posibilidades de relacionarse, acceso a xogos e xoguetes e outros materiais lúdicos, animación á lectura, promoción do libro e todas aquelas propostas que favorezan, ademais, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Compartir: