ACCIÓN CULTURAL

Inaugúrase en Santiago a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

28/12/2021 Estará na Alameda desde hoxe ata o 24 de xaneiro, cando se trasladará a Padrón para continuar cunha itinerancia que a levará por ducias de cidades e vilas de todo o país. Esta mostra repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Hoxe inaugurouse en Compostela a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A mostra, que se pode visitar na Alameda (a carón da estatua das Dúas Marías), está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Foi aberta esta mañá coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Rubén Prol, concelleiro de Educación e Políticas Linguísticas do Concello de Santiago, ademais dun representante da Xunta de Galicia.

Esta mostra exterior fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

A exposición, que despois viaxará ata Padrón e logo itinerará por cidades e vilas de todo o país, está patrocinada pola Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela.

Compartir: