CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade entrega o Premio Patrimonio á Fundación Catedral de Santiago de Compostela

28/12/2021 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España entregou o Premio Patrimonio, na súa décimo cuarta edición, á Fundación Catedral de Santiago de Compostela. Trátase dun premio co que o Grupo recoñece a importancia do proxecto de restauración e rehabilitación do conxunto histórico monumental da Catedral de Santiago de Compostela, xoia única no patrimonio mundial.

O presidente do Grupo e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, viaxou a Santiago para facer entrega do galardón e subliñou que "este prestixioso Premio Patrimonio recoñece o importante traballo de restauración e rehabilitación do conxunto histórico-monumental da Catedral de Santiago de Compostela. A Fundación Catedral, cuxo padroado está presidido polo Arcebispo de Santiago de Compostela, puxo en marcha en 2008 o maior proxecto de restauración da Catedral de Santiago do últimos oito séculos e destaca a conservación e restauración do Pórtico da Gloria, obra cume da arte universal".

"Ese exitoso proceso de restauración e rehabilitación -engadiu Rodríguez Osuna- merece ser recoñecido polas Cidades Patrimonio da Humanidade pola complexidade da súa intervención e pola súa altísima e indubidable posta en valor de todo o conxunto monumental da Catedral de Santiago de Compostela".

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, lembrou que "o obxectivo do prestixioso Premio Patrimonio é o recoñecemento público a persoas, organismos ou institucións, nacionais ou internacionais, con ou sen ánimo de lucro, polo labor levado a cabo no ámbito da conservación, restauración, promoción e difusión do patrimonio cultural. Sen dúbida, é un recoñecemento de gran importancia que dá maior visibilidade a un traballo de restauración que atrae a Santiago a peregrinos, turistas e visitantes de todo o mundo e que proxecta a imaxe da nosa cidade, do Grupo e de España a nivel internacional".

Pola súa banda, Julián Barrio Barrio, Arcebispo de Santiago de Compostela e Presidente da Fundación Catedral, agradeceu o Premio e sinalou que "para nós é un orgullo recibir este prestixioso Premio, para unha obra de restauración que permitiu recuperar o esplendor do Pórtico da Gloria e que ademais supuxo unha coidadosa intervención arqueolóxica grazas á cal se recuperaron importantes pezas e restos arqueolóxicos que agora se poden desfrutar na exposición que se sitúa na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez, e pode visitarse con calquera das modalidades de visita do Museo Catedral de Santiago".

O Arcebispo tamén resaltou a importancia de recibir este Premio dous días antes de presidir na Catedral a celebración litúrxica da Festividade da Translación de Apóstolo Santiago. Nela conmemórase o traslado do corpo do Apóstolo Santiago o Maior, desde Jaffa (Palestina) ata Galicia, para recibir sepultura no lugar no que hoxe se levanta a catedral. Durante a misa ten lugar a tradicional Ofrenda Nacional, por parte do Excmo. Sr. Delegado Rexio, nesta ocasión D. Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde da cidade de Santiago de Compostela.

Por acordo da Asemblea celebrada o 26 de xuño de 2021 en Mérida, o Grupo aprobou por unanimidade conceder o Premio Patrimonio á Fundación Catedral en recoñecemento "á importancia do proxecto de restauración e rehabilitación do conxunto histórico-monumental da Catedral de Santiago de Compostela, xoia única no patrimonio mundial, de altísimo e indubidable valor, que foi financiado grazas á colaboración público-privada, nunha complexa intervención que inclúe actuacións analizadas e executadas por un equipo multidisciplinar de profesionais e artesáns altamente cualificados, que desenvolveron un traballo meticuloso de documentación para elaborar un plan de actuación que sirva de referencia a outras posibles intervencións e a outros conxuntos monumentais, que pretendan actuacións similares".

O Premio Patrimonio non ten dotación económica e consiste nunha escultura do artista Carlos Albert (Madrid, 1978). As candidaturas poden ser presentadas polos concellos membros do Grupo, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Ministerios de Cultura, Turismo ou Asuntos Exteriores, entidades culturais, centros de investigación, universidades e outras institucións, ou directamente pola Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio.

Recibírono as seguintes institucións:

2008: Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO (París, Francia)
2009: Equipo de Investigación da Sierra de Atapuerca
2010: Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó
2011: Concello de Morella
2012: Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León
2013: Fundación Barrié
2014: Fundación As Idades do Home
2015: Administración de Intramuros de Manila (Filipinas)
2016: Real Fundación de Toledo
2017: Oficina do Historiador da Habana (Cuba)
2018: SM raíña Dona Sofía de España
2019: Paradores de Turismo de España
2020: Audrey Azoulay, directora xeral da UNESCO.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que celebrou en 2018 o seu XXV aniversario, ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na conservación, a posta en valor e a promoción turística das 15 cidades españolas cuxos centros históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: