FESTAS

O Mercado da Estrela recibiu máis de 14.000 visitas entre o 16 e o 19 de decembro

27/12/2021 Nos catro días de duración deste evento multidisciplinar despregado en diferentes espazos de valor histórico e patrimonial da nosa cidade, a feira creativa e os concertos recibiron en total máis de 14.000 visitas.

O Mercado da Estrela, coorganizado polo Concello de Santiago e Correveydile, tivo nesta décima edición un gran éxito de concorrencia. A feira creativa contemporánea, que reuniu case un centenar de marcas de artesanía, moda, deseño, e outro tipo de produtos recibiu máis de 12.000 visitas nos seus tres emprazamentos no casco histórico: o Centro Social Abanca na Praza de Cervantes (4034), o claustro procesional do Mosteiro de San Martiño Pinario (4162) e o claustro e Salón de Pelegrinos da "Hospedaría San Martiño Pinario" (3991).

Tamén tivo unha elevada asistencia de público a oferta musical programada ao longo da fin de semana. Así, case 1800 persoas acudiron aos concertos e sesións de DJs que tiveron lugar no Centro Don Bosco de Belvís. A praza do 8 de marzo, que acolleu varias sesións musicais e unha amplia proposta gastronómica nos diferentes postos de restauración e foodtracks, tamén estivo moi concorrida.

Carrusel infantil
Tamén está a ser alta a afluencia de público familiar ao carrusel de cabaliños infantil instalado na praza da Constitución. Os pequechos e pequechas da casa poderán desfrutar deste carrusel de 10 metros de diámetro ata o 4 de xaneiro (pechado a público os días 25 de decembro e 1 de xaneiro).

Compartir: