POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Vide Vide!, Creativas Galegas e Código Cero, distinguidas na XXII Edición dos Premios Manuel Beiras

21/12/2021 O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio manteñen desde o ano 2000 un acordo de colaboración para a convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación.

O acto de entrega desta edición celebrouse esta tarde no Teatro Principal e foi conducido polo actor, guionista e monologuista Federico Pérez. A gala contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jorge Lorenzo; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Elvira Casal García; o presidente do xurado dos Premios Manuel Beiras deste ano, Xabier Freire; así coma e Maria Pais, vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio. Tamén asistiron representantes da Familia Beiras, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; a directora de competitividade de Turismo de Galicia, María Baleato; o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; e os representantes do Pleno da Cámara de Comercio de Santiago e dos grupos municipais de Santiago.

O xurado, un ano máis, estivo composto por representantes do Concello, da Cámara de Comercio de Santiago, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Universidade de Santiago, do Colexio Oficial de Xornalistas, da Mesa pola Normalización Lingüística, da Unión de Consumidores de Galicia, e os representantes de cada unha das empresas premiadas na edición anterior: Moksin, Dinahosting e Revista Pincha.

Premiados

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Vide Vide!. O xurado valorou o feito de ser un espazo comercial para quen sabe de viño e para quen non, onde mercar, valorar e aprender van da man para, coa calidade do produto como punto de partida e a nosa lingua como vehículo, viaxar pola xeografía e pola historia deste país.

Na categoría de nova incorporación ao galego o recoñecemento recaeu na empresa Creativas Galegas, por ser unha aposta en feminino e por abrir no corazón da Cidade Histórica unha ventá á creatividade máis orixinal e auténtica, que brilla no contexto de monocultivo estandarizado e gaña aínda maior valor ao se presentar orgullosa da nosa lingua e da nosa cultura.

O xurado acordou tamén conceder o Premio Manuel Beiras á innovación no uso do galego 2021 a Código Cero, despois de levar vinte anos dando conta das innovacións no sector TIC, interconectando o tecido empresarial vinculado a el e chegando a miles de persoas cada día é unha impagable contribución a que a nosa lingua estea na vangarda.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou os premiados e premiadas e amosouse moi satisfeito pola consolidación dun galardón que xa conta con trinta e dous anos de vida. "Esta longa e exitosa traxectoria significa que cada vez máis empresas compostelás conciben o idioma galego como un valor engadido", indiciu. Na mesma liña se expresou o concelleiro de Política Lingüística, Rubén Prol, que engadiu que "a sociedade compostelá non só acepta senón mesmo demanda, e desde logo valora, que as empresas empreguen o galego na súa rotulación, na publicidade ou en calquera outra manifestación".

Maria Pais, vogal do comité executivo da Cámara de Comercio destacou "que todas as empresas que participan ano a ano neste Premio fan que o noso idioma sexa unha aposta real, e ademais unha aposta segura, en Compostela e que coma ben din os lemas das últimas campañas animámosvos a que "traballades en galego". "Unídevos á rede con máis cobertura de Galicia" e así amosaremos como os prexuízos negativos van minguando e que a lingua se vai consolidando como un valor de identificación positiva das nosas empresas. Nas mans de todos e todas está que esta vaga continúe medrando".

Distinción de Acisclo Manzano

Como distinción, os galardoados recibiron unha escultura creada polo artista Acisclo Manzano que poderán amosar nos seus establecementos como garantía do seu respecto polo idioma galego.

O nome dos Premios Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista por ser exemplo de comerciante comprometido con Compostela, con Galicia, a cultura e a lingua.

Compartir: