ALCALDÍA

Santiago rende homenaxe ao Colexio de Avogados coa entrega da Medalla de Ouro 2019

30/11/2021 O Concello de Santiago entregou esta noite ao Colexio de Avogados a Medalla de Ouro da cidade de 2019, o máximo galardón que outorga o ente municipal aos persoeiros ou colectivos destacados na defensa dos intereses de Compostela e da súa cidadanía. O acto, que tivo lugar no Teatro Principal, non puido celebrarse o ano pasado por mor da pandemia.

O Concello de Santiago fixo entrega esta noite da Medalla de Ouro 2019 ao Colexio de Avogados de Santiago, dando cumprimento así ao acordo plenario de 27 de novembro de 2019, aprobado por unanimidade dos grupos municipais e referendado polo Consello Asesor de Condecoracións de 5 de febreiro de 2020.

Na moción conxunta que deu lugar ao acordo plenario saliéntase que "o colexio sempre tivo como obxectivos o servizo aos colexiados e á cidadanía, como garante e referente na defensa dos dereitos e liberdades. Sempre se traballou dende dito organismo para que Compostela tivese un maior peso institucional e xudicial do pais. E sempre mostrou o seu compromiso en todas as reivindicacións de novos órganos xudiciais para a nosa cidade; a avogacía de Santiago estivo sempre onde foi necesario para Compostela, ao servizo dos intereses da capital galega".

O alcalde de Santiago recoñeceu no seu discurso ese labor de loita "por unhas institucións xudiciais á altura da capital galega que atendesen adecuadamente as necesidades dos e das habitantes de Compostela e do seu partido xudicial", pero tamén fixo fincapé no "seu papel social e o seu traballo incansable na materialización do dereito fundamental de acceso á xustiza consagrado na nosa Carta Magna". "Como alcalde desta cidade síntome especialmente orgulloso dos convenios que vimos asinando dende hai anos entre ambas institucións e que teñen por obxectivo facilitar asistencia xurídica a quen máis o necesita", salientou o rexedor, que quixo personalizar o agradecemento nos decanos que tivo o Colexio ao longo dos seus 177 anos de historia.

En nome do ICA, o decano, Francisco Rabuñal, recolleu a medalla e o pergamiño, deseñado pola artista Susana Vázquez Pereira, e agradeceu ao alcalde e á Corporación o recoñecemento a unha institución que camiñou xunto á cidade "desde un primeiro momento, xa que nas actas fundacionais do ano 1844 xa se falaba da necesidade de traballar desde o colexio para que Santiago tivera un maior peso institucional e xudicial".

"Seguiremos con ese compromiso", engadiu, "como facemos en todas as reivindicacións de novos órganos xudiciais para a nosa cidade", pois "a avogacía de Santiago estará sempre onde sexa necesario para Compostela, ao servizo dos intereses da capital galega".

O acto contou, ademais, coa actuación musical do pianista Javier López Jorge, da cantante Victoria Jericó Francés, e do violonchelista Millán Abeledo Malheiro. A laudatio correu a cargo da xornalista Ainhoa Apestegui.

Compartir: