ALCALDÍA

O Concello colabora coa Asociación contra o cancro no proxecto Roteiros Saudables

30/11/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración coa Xunta Provincial da Coruña da Asociación Española contra o Cancro para a posta en marcha do proxecto Roteiros Saudables. Por parte da AECC asistiu á firma Francisco Pais Rodriguez, presidente da Xunta local de Santiago, en representación do presidente da provincial, Manuel Aguilar.

Na firma tamén estiveron a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; Begoña Rodríguez, vicepresidenta da Xunta local da AECC de Santiago; e Lucía Alvarez-Santullano Fernández-Trigales, técnico de Atención Psicolóxica e Prevención e Promoción da Saúde da Xunta local de Santiago.

O convenio ten por obxecto regular a colaboración do Concello de Santiago de Compostela coa AECC, en relación coa loita contra o cancro. En concreto, o Concello de Santiago comprométese a contribuir co Programa de Roteiros Saudables da AECC, mediante a colaboración no deseño das rutas, na difusión da actividade, colaboración entre o voluntariado do Concello e o da AECC para a dinamización da actividade e colaboración do persoal de seguridade (Policía Local e/ou Protección Civil) para garantir a seguridade da ruta.

Como sinalou o alcalde, "é vontade do Concello procurar a mellora da calidade de vida das persoas e tamén axudar na loita contra o cancro no Concello de Santiago de Compostela e é recoñecida a adicación para ese fin no ámbito municipal da Asociación Española contra o Cancro". Coas acción recollidas no convenio preténdese contribuir á mellora da calidade de vida dos pacientes oncolóxicos.

A colaboración das dúas entidades non conlevará contraprestación económica algunha para ningunha das partes. O acordo entrará en vigor no momento da súa firma e terá unha vixencia de dous anos.

Compartir: