XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a licenza de obras para o edificio comercial e unidade de subministro de carburantes en Brandía, conforme establece a Lei de Hidrocarburos

29/11/2021 A Xunta de Goberno Local acordou hoxe adxudicar á empresa Carburantes Lugo, SL, licenza de obras para edificio comercial e unidade de subministro de carburantes desatendida no Paseo de Esvedro- Paseo de Amaia, en Brandía, que conta cun orzamentos de execución material de 246.588,06 euros. Unha licenza que se concedeu, segundo sinalou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, por "unanimidade e por obrigación".

"Non nos gusta", sinalou o alcalde, "non cremos que sexa imprescindible, pero hai unha lei de rango superior, a Lei de Hidrocarburos, que prevalece e se impón por enriba do noso planeamento". Esa lei establece, subliñou, "que todos os solos clasificados para uso comercial ou industrial teñen como actividade compatible a actividade económica de subministro de combustible". En concreto o rexedor citou a modificación de 22 de febreiro do ano 2013 da Lei de Hidrocarburos. Establece, no seu artigo 43 que, "como nos recordan os nosos servizos xurídicos, e tamén o Tribunal Supremo, ten carácter de lei básica e polo tanto prevalece sobre outras consideracións".

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que este tema xa ven do ano 2017, dunha anterior licenza "da que os propietarios desistiron", na que se plantexaba na mesma parcela, "unha actividade só de hidrocarburos". Rosón aclarou que "é unha parcela de uso comercial, que a partir dunha modificación da Lei de Hidrocarburos "que liberaliza, recollendo unha directiva europea, este tipo de actividades, permite compatibilizar o uso comercial co uso dunha actividade de hidrocarburos". Polo tanto, engadiu, nesta nova licenza, "plantéxase esa doble actividade, cunha parte máis importante de supermercado e a outra, coa instalación de dous surtidores expendedores de hidrocarburos".

Mercedes Rosón sinalou que todos os informes perceptivos que están no expediente administrativo "son favorables. O máis importante, que ten que ver coa avaliación ambiental que otorga a Xunta de Galicia, "di claramente, igual que no informe da primeira solicitude de licenza, que é favorable". Aínda así, explicou a concelleira, volveuse solicitar ese informe, e a propia Xunta "di expresamente que non é necesario volver valoralo, porque, ademais, neste caso reducíase considerablemente a actividade principal", respecto á solicitude do ano 2017.

Sobre o resto de informes tamén son favorables, sinalou. "As licenzas son actos reglados. No é un subterfuxio, como se dixo. O que temos é unha lei, como a Lei de Hidrocarburos, que é como un cráter dun volcán que se impón por todo o noso planeamento".

Rosón recordou que "desde un primeiro momento estamos nun proceso de modificación dos usos do PXOM, que se iniciou a finais do 2019, onde xa indicamos, no documento ambiental aprobado ese ano no último pleno; a necesidade de regular este tipo de actividades. E no documento que aprobamos en marzo de 2021, nesa aprobación inicial desa modificación dos usos, xa aparece claramente unha proposta de ubicación destas actividades vinculadas exclusivamente a ámbitos industriais ou a zonas non residencias". Polo tanto, continuou, "creo que existe unha vontade moi clara, por parte deste goberno, de traballar nesa liña que a nós nos parece a razonable".

"Somos moi conscientes", sinalou, "da alarma que suscita entre os residentes", pero, recordou, "ese plan parcial foi elaborado pola veciñanza, e ese uso comercial foi o que eles lle deron daquela". Agora, concluiu, concédeselle licenza a "unha actividade que é legal neste momento, porque hai leis que están por enriba do noso planeamento, que así o permiten. E polo tanto, con todas estas consideracións, esta mañá, a Xunta de Goberno Local, por unanimidade, acordou conceder a licenza.

As actuacións consistirán na construción dun edificio comercial con dúas unidades de subministro de combustible, cunha superficie construída total de 901,41 metros cadrados (831,85 metros cadrados útiles); e unha altura máxima de 7,21 metros.

A edificación comercial é de planta baixa para supermercado e planta semisoto para aparcamento, A unidade de subministro de combustible desatendida contaría con dous surtidores con catro mangueiras cada un para venda polo miúdo de gasoil e gasolina, e unha marquesiña de carácter metálico de 105,60 metros cadrados. Contará cun depósito soterrado compartimentado de 70.000 litros (50.000 litros para gasoil e 20.000 litros para gasolina) e unha caseta prefabricada de 17,36 m2 construídos (16,32 m2 útiles) destinada a cobro, aseo e instalacións, cunha altura de 2,81 metros.

A edificación está situada en solo clasificado como urbano no PXOM vixente, e cualificado coa ordenanza Z-2A do Plan Parcial do SUNP-29 de Brandía.

Outros acordos
Entre outros acordos, na Xunta de Goberno tamén se aprobou pór a disposición do Consorcio da Cidade de Santiago o espazo situado na sala B8 da ala sur de Santo Domingo de Bonaval, coa finalidade de que se poidan realizar obras de reparación e conservación.

E por outra banda, adxudicouse o contrato que ten por obxecto "Subministración de prendas de uniformidade para a Policía Local de Santiago de Compostela" a favor da empresa SAGRES SL, por un importe total de 200.000 euros.

Bonos corazón Compostela
Durante a rolda de prensa, o alcalde de Santiago informou que xa se superaron os 16.000 bonos descargados, cunhas vendas totais de 1.143.454 euros, por parte dos 365 establecementos adheridos. "Xa son moitos", continuou, "os establecementos que esgotaron a subvención máxima dispoñible, que se ampliou ata os 15.000 euros". Sánchez Bugallo indicou que non está previsto ampliar esa contía, "para facilitar que chegue ao maior número posible de establecementos". Amosou a súa satisfacción, porque esta iniciativa dos bonos corazón, "está permitindo aos pequenos establecementos recuperar unha clientela que dalgunha maneira foran perdendo, como é a xente nova que mercaba por internet e que volve a venda tradicional".

Covid-19
Por outra banda, Sánchez Bugallo amosou a súa preocupación pola evolución, á alza, da pandemia. "O día 24 había 62 casos activos e hoxe hai 109, o que supón unha subida do 75% en apenas cinco días". O alcalde fixo un chamamento á prudencia e "a tratar de garantir a seguridade".

O rexedor apelou a esa porcentaxe aproximadama do 4% de persoas maiores que aínda seguen sen vacinar, para que se vacinen. Tamén pediu gardar as medidas de seguridade, sobre todo na época do Nadal. "Debemos esforzarnos", subliñou, "porque o virus sigue aí".

Compartir: