EMPREGO

Remata Talentia Summit ‘21 con récord de 50.000 participantes na maior feira virtual do talento

27/11/2021 Máis de 50.000 persoas participaron en Talentia Summit ‘21 superando as importantes cifras da edición do pasado ano, cando o formato mudou a virtual por mor da pandemia. A volta á presencialidade do Foro Talentia, novas empresas cun alcance internacional, seguimento de usuarios a nivel estatal e as videoconferencias para conectar empresas e candidatos, os grandes fitos desta nova edición.

Talentia Summit ´21 rexistrou un aumento no volume de participantes activos con respecto á pasada edición pese a que o listón estivese xa alto. Tras prolongar a súa duración ata as dúas semanas de actividade, e agregar moitas novidades á Feira virtual do talento, foron máis de 50.000 persoas usuarias as que participaron activamente nesta edición.

Talentia Summit ‘21 en cifras
- 50.454 usuarios activos na Feira Virtual Talentia.
- 2.790 usuarios en cursos de formación e certificacións oficiais.
- 2.648 currículos intermediados para as 320 ofertas de emprego con 868 vacantes.
- 2.123 videoconferencias nas entrevistas virtuais con empresas.
- Máis de 4.500 páxinas vistas no seguemento vía streaming do Foro Talentia Summit
- Máis de 300.000 contas alcanzadas en todas as redes sociais nas interaccións de @TalentiaSummit

O Foro Talentia volveu contar con público no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia
O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu o pasado xoves 18 de novembro o Foro Talentia Summit 2021. A afluencia do público foi máis que considerable na volta á presencialidade: máis de 750 entradas reservadas e moitas visualizacións da páxina do streaming do Foro, que contou coa presenza das autoridades institucionais: o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O panel de ponentes ofreceu unha serie de 8 conferencias maxistrais que deixou unha serie de citas para a lembranza:

"O maior desafío que temos as empresas para levar a cabo esa transformación dixital pasa polas persoas. Se en algo non podemos fallar é no talento" indicaba Elena Gil, Global Director of Product and Business Operations – Telefónica IoT & Big Data. Deseguido, Pau García Milá, emprendedor de éxito, destacaba que: "Na vida hai que saber xestionar a incerteza. E hai que aprender do pasado". Posteriormente, Nancy Villanueva, CEO Iberia & Middle East de Interbrand, tratou a relación entre marcas, traballadores e usuarios sinalando que: "as marcas ofrecen orgullo de pertenza. Adáptanse ao noso comportamento". Tamén sobre as marcas destacou Emilio Froján, CEO & Co-founder de Velca: "As marcas xa non son das empresas, senón das persoas". E con respecto ás organizacións, Clara Jiménez Piñar, directora de Innovación Accenture, Spain Innovation Lead afirmou o seguinte: "como ocorre cos animais, moitas organizacións aínda van a 4 patas porque non queren servirse da intelixencia colectiva e evolucionar".

Compartir: