SEGURIDADE CIDADÁ

Volven os programas de educación viaria da Policía local

27/11/2021 Co obxectivo de formar e educar a cidadanía en seguridade viaria traballa o Departamento de Educación Vial da Policía local de Santiago, que retomou este curso os seus programas con distintos colectivos logo do parón imposto pola pandemia.

As actividades comezaron o pasado 4 de outubro no CEIP Casas Novoa cos alumnos de 4º de primaria, cos que se desenvolve o programa "MÓVETE SEGURO CON MOITO OLLIÑO". Despois dunha charla teórica no colexio o alumnado visitou as instalacións da Policía local para coñecer de cerca o traballo policial. Na comisaría puideron ver parte do material empregado polos axentes para o desenvolvemento do seu traballo como as lanternas, sistemas de comunicacións, chaleque antibalas, defensa, escudo, casco de seguridade, etc. Tamén puideron comprobar o funcionamento das sereas e as luces de emerxencia dun vehículo policial. A esta actividade, que rematou o 22 de novembro no colexio San José de Cluny, acolléronse 23 centros.

En decembro retomaranse as actividades dos programas "VIVIMOS A MESMAS REALIDADES" e "MAIORES MAIS SEGUROS", deseñados para as persoas con algunha discapacidade, o primeiro, e para as persoas maiores, o segundo.

Os meses de xaneiro e febreiro do ano 2022 dedicaranllos ao alumnado de 1º de bacharelato e 3º da ESO, coas actividades "TI CONTROLAS, TI DECIDES" para os de bacharelato, e "POLA TÚA SEGURIDADE", para os alumnos de ESO.

Continuarán no mes de marzo cos mais pequeniños, nenas/os de infantil, co programa "XERALDINA VIAXA CONNOSCO". Abril e maio será para os alumnos e alumnas de 6º de primaria coa actividade "SON CONDUTOR DE BICICLETA", agardando que este curso a pandemia permita facer uso do parque infantil de tráfico ubicado no recinto feiral de Amio, onde os pequenos pasan unha xornada moi divertida ao tempo que practican as dúas vertentes do uso da vía pública, como péonse e como condutores.

Por outra banda, o departamento de Educación Viaria segue a traballar no proxecto "COLECAMIÑOS" tanto cos tres colexios onde está en funcionamento (Raíña Fabiola, Pío XII e Ramón Cabanillas) co obxectivo de fomentar a máxima participación, así como na implantación noutros colexios da cidade debido ao interese mostrado por algúns deles.

Compartir: