CONSORCIO
A principios do século XX os cafés lograron transformarse en lugares de reunión para a elite cultural urbana. O Café Derby comezou a súa andaina no ano 1929 e axiña se converteu nun referente cultural, nun emblema da cidade compostelá e tamén de Galicia, elixido como lugar de encontro e debate de profesores universitarios, médicos e profesionais liberais, mentres desfrutaban do café elaborado nunha das primeiras cafeteiras exprés instaladas en Santiago.
O Derby abriu as portas á nova burguesía dos anos vinte de Compostela e ata el achegábanse importantes figuras das artes e as letras para conversar. Era un novo establecemento distinto e singular en Compostela, o único da época que poñía manteis nas súas mesas, vaixelas de luxo e café de importación.
Nas súas cadeiras sentáronse no seu día intelectuais do talle de Valle-Inclán, Rafael Dieste, Carlos Casares, Luís Seoane, Carlos Maside, Ricardo Carvalho Calero, Gonzalo Torrente Ballester, Manuel Colmeiro, Domingo García Sabell, Manuel María ou Castelao, entre outros.
O establecemento foi fundado en 1929 por Avelino San Luis Vázquez, propietario ata 1934, ano no que o adquiriron dous empregados, Ramón Barca Boullón e Manuel Domínguez Nieto (pai de Victoria Domínguez), na compaña de Santiago Suárez Ortoño, aínda que Domínguez acabou sendo o único dono. Victoria, ao quedar viúva en 1965, traballou co seu pai e asumiu o relevo xeracional en 1989 ata marzo de 2020, a data na que se xubila e o Derby pecha de xeito definitivo despois de máis de nove décadas de traxectoria ininterrompida.
Tal como explican os comisarios, "o Café Derby abriu nun momento de transformación urbanística e social de Compostela, nunha zona que marcaba o límite da cidade e moi preto do edificio Castromil (hoxe desaparecido, na actual praza de Galicia), lugar de partida e chegada á capital galega". A era das tertulias continuaría co seu esplendor ata o estoupido da Guerra Civil, momento no que a censura obrigou a cambiar o nome de Derby polo de Imperial, unha etapa de preto dunha década e case descoñecida aínda que logo o Café volvería ao seu nome inicial. Castro e Franjo engaden que "o Café perviviu en Compostela durante case un século por riba de movementos sociais e políticos como unha parte da identidade da cidade".
Na inauguración da exposición, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, agradeceu ás familias dos propietarios que facilitaran "o labor de recompilación e contextualización do que xa é un referente da nosa cidade". Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, salientou que "o Café Derby forma parte da nosa historia vital e dos poucos referentes que nos quedan de principios do século XX, momento no que houbo un esforzo de modernización na cidade que tamén chegou ás cafeterías". A derradeira propietaria, Victoria Domínguez, relatou que se formou en Barcelona e París "para facer as cousas ben porque a hostalería non é algo tan sinxelo como parece" e manifestou que os bens patrimoniais do Derby son "unha xoia".
Pezas de gran valor histórico, artístico e patrimonial
A decoración do establecemento é orixinal de 1929, o ano da súa fundación, se ben sufriu algunhas modificacións necesarias ao longo do tempo, aínda que mantendo o seu espírito orixinal. A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) está a traballar para que se protexa o interior do Café. Destacan as cinco vidreiras enchumbadas da casa La Veneciana de Zaragoza -algunhas delas restauradas pola distinguida fábrica viguesa La Belga-, que son os sinais de identidade do local.
Tamén destaca o zócolo de madeira de caoba, traída expresamente de Cuba e as súas cornixas decoradas. Segundo destaca Fernando Franjo, "hai constancia de que Camilo Díaz Baliño pintou a moldura da parte superior e os accesos ao lavabo, tal como mo indicou o seu fillo, Isaac Díaz Pardo". Así mesmo, o maxestuoso e alto mostrador italiano de mármore de Carrara tamén foi unha novidade no momento, no marco dunha decoración exclusiva que chegou ata a actualidade.
A exposición presenta como un dos seus principais atractivos unha recreación do espazo orixinal, con algúns dos elementos mobles como as cadeiras e mesas, lámpadas e apliques de parede tamén dos seus inicios; así como vaixelas, botellas, xogos de mesa e obxectos de cafetería dos primeiros anos de andaina do emblemático café.
A exposición
A mostra Memorias do Café Derby (1929-2020) fai un percorrido pola historia dun dos Cafés máis emblemáticos de Compostela. Nela recóllese un extraordinario álbum fotográfico e documental, que abrangue desde os seus inicios ata a actualidade. Inclúense ademais instantáneas inéditas facilitadas polos familiares dos dous propietarios e outras coleccións particulares e citas de diversos personaxes relevantes de cada momento da historia do Café. A exposición reúne libros e documentación inédita, como o contrato de compra-venda do local con data de 31 de decembro de 1934; imaxes do Café na súa sucursal dos pavillóns da Ferradura e referencias de prensa. Tamén anécdotas que achegan as vivencias dos composteláns e de estudosos e persoeiros ilustres que frecuentaban o local.
Así mesmo, nas vindeiras semanas sairá do prelo o libro do mesmo título Memorias do Café Derby (1929-2020), coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, orixinal de Fernando Franjo. A publicación, con numeroso material inédito sobre a historia do Derby, afonda nos contidos documentais e gráficos presentados na exposición.
Horarios da exposición
A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00. Os luns pecha ao público.
A Casa do Cabido acolle unha exposición que percorre os 90 anos de historia do emblemático Café Derby, referente cultural en Compostela
29/10/2021 A exposición "Memorias do Café Derby (1929-2020)", patrocinada polo Consorcio de Santiago, presenta documentación e imaxes inéditas do Café e unha recreación do espazo orixinal, con algúns dos elementos mobles como mesas, lámpadas ou cadeiras, nas que se sentaron intelectuais ilustres como Valle-Inclán, Seoane, Maside, Carvalho Calero, Torrente Ballester, Colmeiro, García Sabell, Casares, Manuel María ou Castelao. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou a mostra esta mañá.
A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle a exposición "Memorias do Café Derby (1929-2020)", comisariada pola historiadora e taxadora de arte e antigüidades Ana Castro -autora da taxación dos bens patrimoniais do Derby despois do seu peche- e o xornalista e historiador Fernando Franjo, autor da investigación sobre a historia do Café. Esta mañá inaugurábaa o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. Ao acto asistiron, ademais dos comisarios, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo, Juan Conde; a derradeira propietaria do Café, Victoria Domínguez; xunto a familiares dos diferentes propietarios.A principios do século XX os cafés lograron transformarse en lugares de reunión para a elite cultural urbana. O Café Derby comezou a súa andaina no ano 1929 e axiña se converteu nun referente cultural, nun emblema da cidade compostelá e tamén de Galicia, elixido como lugar de encontro e debate de profesores universitarios, médicos e profesionais liberais, mentres desfrutaban do café elaborado nunha das primeiras cafeteiras exprés instaladas en Santiago.