CENTROS SOCIOCULTURAIS

Vite repasa a súa historia

30/03/2007 O proxecto "A historia vai por barrios" chegou a Vite, onde xa se pode gozar da mostra e das actividades paralelas que evocan o rico pasado desta zona de Compostela. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición, acollida no Centro Sociocultural "José Saramago".

A exposición trata conxuntamente a Vite e Guadalupe, hoxe barrios diferentes, pero coa mesma proximidade xeográfica. Cómpre lembrar que ata os cambios xurdidos a partir dos 50, o que hoxe é Guadalupe, San Caetano e Vite eran en realidade un conxunto de aldeas e casaríos espallados polas abas do monte de Vite. Era un arrabalde no que convivían o rural e o urbano, o traballo das leiras familiares e a venda no mercado ou o traballo na industria da cidade.

A mostra xira, entre outros aspectos, arredor da posición estratéxica da zona -xusto na entrada norte á cidade- que condicionou o seu desenvolvemento histórico e favoreceu o nacemento do núcleo de San Caetano, ben poboado e relativamente urbanizado a finais do século XVII; ou da configuración ao longo das idades Media e Moderna destas terras como espazo de prados, hortas e leiras inmediatas á cidade e fondamente conectadas a ela. No século XIX o panorama era xa diferente e parecía máis o dun arrabalde urbano en formación. Tratábase dunha vida de esforzo que marca inconfundiblemente o carácter e a historia desta veciñanza.

A principios do século XX sucedéronse os cambios, ata mudar significativamente o aspecto da zona, como a chegada e ampliación dos servizos municipais, o arranxo dos camiños ou a escola de Guadalupe. A posta en marcha do polígono de vivendas de Vite marca o nacemento do presente.

Na exposición hai tamén un espazo para tratar de xeito máis específico algúns outros temas, como a historia da traída de augas da cidade -que nace no monte de Vite-, a configuración parroquial da zona, as antigas festas ou mesmo a construción e desenvolvemento social e urbanístico do polígono de Vite.

Programa de actividades

De xeito paralelo á mostra, a Concellaría de Centros Socioculturais deseñou un programa de actividades para todos os públicos. Son obradoiros de memoria oral para os adultos, obradoiros tradicionais para nenos e nenas, xogos tradicionais e unha actividade especial, chamada "Algo para lembrar", destinada ao público máis novo.

"A historia vai por barrios" visitou xa os barrios de San Pedro, a Rocha e Villestro, onde neste momento se está levando unha segunda fase do proxecto, que consiste na rotación das exposicións. Esta segunda fase, na que pouco a pouco participarán todas as zonas incluídas no proxecto, busca que os barrios coñezan máis de preto o pasado dos outros e tamén crear espazos de relación entre os seus habitantes.

Compartir: