CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia actúa en Madrid xunto ao Orfeón Pamplonés

30/03/2007 A Real Filharmonía de Galicia viaxa ata Madrid para ofrecer "Un Réquiem Alemán", de Brahms, no Auditorio Nacional e baixo a batuta do seu director titular, o mestre Ros Marbà.

Nesta ocasión, a orquestra conta coa participación do Orfeón Pamplonés, unha das institucións corais máis antigas de Europa na súa categoría, con máis de 140 anos ás súas costas. O seu director dende 2005 é Igor Ijurra Fernández. Como dato curioso, cómpre destacar que o Orfeón Pamplonés foi pioneiro en España na incorporación das mulleres, xa que en 1903 creou un coro feminino, e xa en 1906, co gallo da voda do Rei Afonso XIII con dona Victoria Eugenia de Battemberg, actuou como formación mixta.

Unha obra grandiosa

En 1868, un Venres Santo, e na catedral de Bremen, Brahms estreou o seu réquiem, co que adquiriu fama en toda Europa. É unha obra máis concertística que relixiosa, xa que non ten ningunha relación coa tradicional misa de defuntos nin unha intencionalidade sacra. Para compoñer este réquiem Brahms inspirouse na dor polo pasamento da súa propia nai. Brahms declarou que podería telo chamado simplemente Un Réquiem "pola humanidade" e mesmo foi chamado o "Réquiem Ateo" polas súas escasas mencións a Deus.

Unhas voces únicas

Ruth Ziesak, internacionalmente coñecida polo seu papel de Pamina na "Frauta Máxica", de Mozart, e Dietrich Henschel, invitado habitualmente aos mellores escenarios e festivais europeos, encargaranse da parte solista vocal deste "Réquiem Alemán". A soprano alemá desenvolveu unha carreira a escala mundial que a levou por todo o globo terrestre e que abarca a ópera, os concertos, os recitais lieder e as gravacións.

Pola súa banda, Dietrich Henschel é un músico moi completo que aúna as facetas de pianista, director e cantante.

Compartir: