ALCALDÍA

O alcalde manifesta a "total oposición a calquera modificación do trazado do AVE que implique novo estudo de impacto ambiental e novo proxecto"

30/03/2007 Na súa habitual comparecencia dos venres ante os medios de comunicación, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou a "total oposición a calquera modificación do trazado do AVE que implique novo estudo de impacto ambiental e novo proxecto". Segundo dixo, calquera cambio neste sentido suporía "un retraso dun mínimo de catro anos na chegada do AVE".

Sánchez Bugallo reiterou o seu rexeitamento ao debate que sobre o trazado do AVE ao seu paso por Boqueixón ten suscitado o presidente de ADIF. "Modificar o trazado agora –dixo– suporía volver a como estábamos en 2003". Afirmou non oporse a "pequenos cambios" sempre que non impliquen novo estudio de impacto ambiental e novo proxecto". Neste suposto, indicou, "os que din que se podería facer en dous anos son uns incautos e os que din que nun ano menten".

Na súa opinión, o cambio de trazado suporía que o AVE non chegaría "como mínimo ata 2013 e, probablemente, ata 2015". Por iso, emprazou á ADIF "a executar as obras" e subscribiu as declaracións do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no sentido de "non concibir ningún retraso". "Non podemos ser en Galicia instigadores ou cómplices deste retraso", concluíu.

Compartir: