EDUCACIÓN

O 8 de outubro remata o prazo para presentarse aos premios Educacompostela

28/09/2021 Ata o 8 de outubro está aberto o prazo para presentarse á "XIII edición dos Premios Educacompostela de recursos educativos en prol da innovación da calidade educativa e da renovación pedagóxica". Sobre esta convocatoria informaron hoxe, en rolda de prensa, o concelleiro de Educación, Rubén Prol; e Xesús Lastra, presidente de Nova Escola Galega.

Convocados polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración pedagóxica de Nova Escola Galega, teñen como obxectivo recoñecer, promover, premiar e difundir públicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación, e a renovación pedagóxica. A temática desta edición será libre. O traballo gañador percibirá 1.200 euros, o segundo clasificado 900 e o terceiro 600 euros.

Os materiais didácticos poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre calquera tema a abordar no desenvolvemento do currículo nos centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria, secundaria ou en etapas postobrigatorias. Nas propostas presentadas teñen cabida os diferentes contextos de acción socioeducativa, podendo tratar de calquera temática relativa aos ámbitos de traballo da pedagoxía-educación social e os colectivos destinatarios en diferentes organismos e institucións.

Os materiais presentados deberán ser orixinais, inéditos e estar redactados ou elaborados en lingua galega. Así mesmo, deberán estar elaborados, non en forma de proxecto. Non poderán participar aqueles traballos que fosen premiados con anterioridade nalgunha convocatoria dos Premios Educacompostela.

Cada material ou conxunto de materiais deberá ir acompañado dun texto explicativo cun máximo de 15 páxinas que dea conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/as, proceso de elaboración, aplicación, avaliación e resultados obtidos.

Compartir: