POLITICAS SOCIAIS E SAÚDE

A campaña de Alcer Coruña, "Doar é doado", na que colabora o Concello, informa ao estudantado da USC sobre a importancia da doazón de órganos

28/09/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, participou hoxe na campaña informativa "Doar é doado", que leva a cabo Alcer Coruña, cun doble obxectivo: agradecer a solidariedade das persoas doantes de órganos; e informar sobre hábitos de vida saudables e como a doazón de órganos salva vidas. Neste momento, segundo recorda Alcer, en Galicia, unhas 300 persoas están á espera dun órgano.

A iniciativa, na que tamén estiveron presentes Víctor Arce, vicerreitor de Estudantado e Proxección Internacional da USC; e Alfredo Saborido, vicepresidente da Asociación Alcer Coruña, desenvolveuse entre as 11:00 h. e as 14:00 h. Consistiu no reparto de flores de máis de mil unidades de flores, ademais de dípticos e carteis, en todas as facultados do Campus Norte e Sur. A maiores, xunto á biblioteca Concepción Arenal, instalouse unha mesa informativa atendida por voluntariado.

O Concello de Santiago mantén coa entidade Alcer Coruña, de persoas con enfermidade renal, transplantadas e en diálise, un convenio de colaboración co Programa denominado Alcer 7 vidas. Este programa desenvólvese na nosa cidade a través de accións educativas en centros de ensino, en espazos de encontro da cidadanía, así como a través da divulgación da mensaxe solidaria e altruísta da doazón de órganos en campañas específicas como esta.

Programa Alcer, 7 vidas
O programa Alcer 7 vidas, pretende fomentar a doazón de órganos entre a poboación de Santiago de Compostela a través de información clara e real sobre a temática e inculcando unha visión positiva do acto de doar. A doazón de órganos é un dos actos máis solidarios e altruístas que se poden facer polas persoas tanto en vida como despois de falecer e na actualidade.

Galicia atópase no oitavo posto pola cola das comunidades autónomas nas que menos doazóns de transplantes houbo en 2020, cunha taxa de 40,7 doantes por millón de persoas, fronte ós 65,5 doantes pmp de Cantabria (na que máis doantes houbo); segundo a memoria de actividades da Organización Nacional de Transplantes. Destes datos extráese a necesidade de dar a coñecer información vinculada coa doazón e que esta cuestión sexa abordada en espazos que non sexan sanitarios e forma parte das conversas cotiás.

No 2021, estímase realizar en torno a 12 actividades de sensibilización en materia de doazón de órganos e/ou fomento de hábitos de vida saudables no eido da saúde renal. Estas actividades irán dirixidas á poboación moza nos centros de ensino, nos centros socioculturais e outros espazos municipais ou onde se realicen eventos; así como na execución de campañas de concienciación de forma que se chegue á poboación de todas as idades.

Compartir: