EMPREGO

Entrega de diplomas ao alumando do Obradoiro de Emprego Creas III

28/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; e Judith Fontenla, xefa territorial de Emprego e Igualdade en Xunta de Galicia; asistiron o acto de clausura e entrega de diplomas do "Obradoiro de Emprego Creas III" que en 2021 desenvolveu o proxecto "Xiro dos Montes de Compostela".

Cunha duración de nove meses, do 15 de decembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021, este obradoiro de emprego permitiu a formación e a práctica profesional de 20 persoas desempregadas en dúas especialidades: "Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas"; e "Confección e publicación de páxinas web". En cada unha delas formáronse 10 alumnos/as.

O Obradoiro de Emprego Creas III é un programa mixto de formación e emprego financiado pola consellería de Emprego da Xunta de Galicia, con 350.000 euros; e polo concello de Santiago de Compostela, que aporta 62.000 euros. Ademais da formación e práctica do alumnado-traballador, supuxo a contratación dunha directora, un mestre de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, un mestre de confección e publicación de páxinas web, e unha mestra de formación complementaria.

Xiro dos Montes
Co proxecto Xiros de Compostela creouse unha web propia https://www.parqueforestaldesantiago.org/ que recolle unha roteiro circular de oito etapas, interactivas e xeolocalizadas, para seren percorridas coa axuda dos móbiles. Actualmente está dispoñíbel unha primeira experiencia de 34 quilómetros de percorrido, o Xiro Pequeno, composto por oito etapas:
- Monte Viso – Monte do Gozo: 4,6 quilómetros.
- Monte do Gozo – Monte de Deus: 6,7 quilómetros.
- Monte de Deus – Monte Pedroso: 5,3 quilómetros.
- Monte Pedroso – Monte de Vidán: 3,5 quilómetros.
- Monte de Vidán – Monte de Conxo: 4,6 quilómetros.
- Monte de Conxo – Monte de Santas Mariñas: 3,6 quilómetros.
- Monte de Santas Mariñas – Monte Gaiás: 2,9 quilómetros.
- Monte Gaiás – Monte Viso: 2,5 quilómetros

O alumnado da especialidade de "Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas" foi o encargado dos traballos de acondicionamento das distintas etapas do roteiro Xiro dos Montes de Compostela, como a roza de matogueiras, plantación de árbores, eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora de pavimentos, execución de puntos de drenaxe, instalación de mobiliario e sinais, etc.

Pola súa banda, o alumnado da especialidade de "Confección e publicación de páxinas web" encargouse de elaborar e manter o sitio web no que se recolle toda a información dos Xiros dos Montes de Compostela.

Nos próximos obradoiros está previsto continuar con este proxecto, co deseño e acondicionamento de percorridos de maior distancia polos montes da zona rural de Compostela.

O acto comezou co visionado dun vídeo sobre o proxecto Xiro dos Montes e unha breve explicación sobre en que consistiu o Obradoiro de Emprego Creas III, ofrecida polo técnico responsable da área de Emprgego, Javier Ferreiro.

Compartir: