PLENO

Aprobado inicialmente o Regulamento para a Casa das Asociacións

29/03/2007 O Pleno da Corporación municipal aprobou inicialmente o Regulamento de funcionamento e xestión da Casa das Asociacións. O documento define o réxime organizativo deste centro, que estará adscrito á Concellaría de Relacións Veciñais e aberto á súa utilización polas diversas asociacións do municipio.

No Regulamento establécese que a Casa das Asociacións ofrecerá cobertura ao movemento asociativo como elemento canalizador da participación cidadá. Este punto de encontro servirá de complemento ás prestacións técnicas e económicas do Concello ao movemento asociativo, con actividades destinadas a promover o benestar social, a animación comunitaria e a cultura.

Será un centro polivalente e integrador, situado na Avenida de Vilagarcía, en concreto na antiga estación de ferrocarril de Cornes. O centro albergará actividades formativas, informativas e actividades de ocio.

Ademais dun director, a entidade terá un Consello de Xestión, que se encargará da coordinación e da participación asociativa. Reunirase unha sesión ordinaria trimestral, ademais de nas extraordinarias que procedan. Tamén haberá unha Asemblea de Entidades Usuarias, que cando menos se reunirá ordinariamente unha vez cada ano.

O tecido asociativo compostelán está integrado por máis de 400 colectivos inscritos no Rexistro municipal. Caracterízanse por mobilizar un maior número de asociados nas zonas rurais, pola achega de traballo voluntario cun peso fundamental dende as directivas, pola instalación en locais sociais, polo alto índice de autofinanciamento e pola intención de defender e de reivindicar os intereses do barrio a través da canalización das demandas, ademais da organización de actividades socioculturais, formativas e deportivas.

Compartir: