XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a apertura do procedemento de adxudicación das obras do muro do Pombal

30/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta dos asuntos máis destacados da Xunta de Goberno local, que aprobou o expediente de contratación das obras para o tratamento arquitectónico do muro do Pombal e acordou a apertura do procedemento de adxudicación cun tipo de licitación de preto de 370.000 euros.

O executivo local aprobou esta mañá o expediente denominado "remate do tratamento arquitectónico do límite leste da Alameda (Muro Pombal_Fase I)" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, cun tipo de licitación de 304.661,05 euros, IVE aparte. O IVE correspondente (21% da cantidade anterior) ascende a 63.978,82 euros, o que fai un total de 368.639,87 euros. O prazo de execución da devandita obra é de 3 meses.

A intervención realizarase sobre a parte pública do muro, que comprende unha superficie de 1.116 metros cadrados e inclúe o acondicionamento vexetal. O devandito muro complétase con tres parcelas de propiedade privada; na situada na parte máis próxima ao Cruceiro do Gaio xa se está a actuar, "de xeito provisional", segundo indicou o alcalde.

Educación
Nesta sesión tamén se deu luz verde á actualización de prezos na Rede de Escolas Infantís Municipais do Concello de Santiago de Compostela (Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños), tendo en conta as modificacións reflectidas no Decreto 91/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos (DOG do 24 de xullo de 2014, núm. 140).

As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda desfrutaran, así mesmo, da exención total da cota, tal e como establece o Decreto. Desde o pasado mes de setembro de 2020, as familias con segundos fillos/as e sucesivos xa poden acollerse á gratuidade no importe relativo á atención educativa.

O réxime de prezos das escolas infantís municipais actualizada para o curso 2021-22 recóllese no documento que se adxunta a esta nova.

Tamén a proposta da Concellería de Educación, ordenouse á empresa Servicios y Materiales S.A a continuidade da prestación do servizo da Escola Infantil municipal de Meixonfrío-Salgueiriños desde o 1 de setembro de 2021 ata a data de adxudicación do novo contrato. O orzamento municipal conta con consignación orzamentaria na anualidade 2021 para atender o importe do contrato, que no período de orde de continuidade ascende á cantidade de 133.558,18 euros.

Entre outros asuntos, acordouse o reaxuste das anualidades do contrato de parques e xardíns adxudicado a CESPA, adaptándoas á realidade do servizo, afectado por un recurso especial en materia de contratación que foi desestimado polo TACGAL, coa seguinte desagregación:
Anualidade 2021: 1.258.237,45 euros
Anualidade 2022: 3.774.712,34 euros.
Anualidade 2023: 3.774.712,34 euros.
Anualidade 2024: 2.516.474,89 euros

Xunta de Goberno extraordinaria
A última hora da mañá, o goberno celebrou unha Xunta de Goberno extraordinaria na que se acordou ampliar o prazo da convocatoria de solicitude da cesión de usos das instalacións deportivas municipais para actividades deportivas (adestramentos) durante a tempada 2021/22 en 6 días naturais, situando o remate do novo prazo de presentación de solicitudes no 6 de setembro de 2021.

Nesa mesma sesión adxudicouse a obra de rehabilitación do local arrendado a Afundación en Salvador Parga a favor da empresa OBRAS GALLAECIA SL por un importe de 217.451,41 euros (IVE aparte 21%: 45.664,80 euros), ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas. Así mesmo, compromete un xefe de obra técnico titulado superior a xornada completa, dous técnicos adicionais (topógrafos), a posta a disposición do Concello dun espazo habilitado con medios informáticos, unha ampliación do prazo de garantía das obras de 5 anos e un incremento do 2% do orzamento de control de calidade e do programa de actuación ambiental.

Compartir: