MEDIO RURAL

Visita ás obras realizadas pola Concellería de Medio Rural na rúa do Tambre

26/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron esta mañá a rúa do Tambre, tras o remate das obras de prolongación da beirarrúa na marxe par da devandita vía, que tiveron un orzamento de preto de 257.000 euros.

As obras, enmarcadas no plan POS+ que desenvolve a Concellería de Medio Rural en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña, afectan ao tramo da rúa comprendido entre Meixonfrío e o polígono do Tambre, na parroquia de San Caetano.

Os traballos executados consistiron na creación dunha beirarrúa, moi solicitada pola veciñanza, que conecta de forma segura para os peóns o núcleo de Meixonfrío co polígono do Tambre, coa correspondente mellora das instalación de subministro dos servizos básicos e da seguridade viaria. Con este obxectivo incluíuse unha banda de aparcamento ordenada, o que favorece o calmado do tráfico e a recuperación dunha zona verde ata o de agora ocupada por vehículos.

A actuación tivo un orzamento de adxudicación de 256.933,99 €. Para a execución das obras foi necesario, coa participación da Asociación de Veciños da Gracia, dispor de terreos de titularidade privada mediante acordos de cesión voluntaria dos seus propietarios. Tanto o alcalde como o concelleiro agradeceron aos propietarios afectados a colaboración mostrada, que redunda en beneficio de toda a veciñanza.

A zona completarase co acondicionamento dunha zona verde na faixa de terreo de 8000 metros que transcorre paralela á beirarrúa.

Compartir: