POLITICAS SOCIAIS

O alcalde asina novos convenios con cinco entidades sociais, por un importe de 37.500 euros

30/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá os convenios de colaboración para 2021 coas seguintes entidades sociais: Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (3.500 euros); Asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela (5.000 euros); Fundación Secretariado Xitano (23.000 euros); ALCER, Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril da Coruña (4.000 euros); e Colexio de Avogados de Santiago de Compostela (2.000 euros). En total, os convenios asinados hoxe suman 37.500 euros.

Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais
O convenio subvencionará o programa "Respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental"
O proxecto consiste na realización de actividades/saídas de fin de semana e actividades socioculturais a diferentes localidades de Galicia, co fin de favorecer as relacións familiares, xa que asegurando períodos de descanso, as familias poden contrarrestar a fatiga e o estrés, para as persoas beneficiarias adquirir unha serie de habilidades e destrezas para a vida cotiá. Isto conleva unha diminución de recaídas (hospitalizacións psiquiátricas) e aumenta a súa calidade de vida, autonomía e independencia.

A Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, foi creada en xullo de 1994, coa finalidade de promover a recuperación dos enfermos mentais, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos.

A Asociación pretende, por unha banda, cubrir o baleiro existente de protección deste colectivo, promovendo e potenciando iniciativas que favorezan a súa integración laboral e social.

Asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela
O convenio subvencionará o programa "Captación, almacenamento e distribución de alimentos ás institucións asistenciais ou benéficas do Concello de Santiago de Compostela".

O proxecto consiste na conservación e doazón dos alimentos a todas as Entidades Benéficas sen ánimo de lucro do municipio de Santiago de Compostela que o soliciten e que cumpran os requisitos de gratuidade sen exclusións para o seu posterior reparto, previa avaliación, ás familias preceptoras .

A Asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a consecución gratuíta de alimentos para realizar a doazón e distribución dos mesmos entre as entidades benéficas legalmente recoñecidas, dedicadas á asistencia e coidado directo de persoas necesitadas.

Fundación Secretariado Xitano
O convenio financiará o "Programa Promociona Ayuntamiento Santiago. Curso 20-21 (21)", un programa de apoio e orientación educativa para a mocidade xitana e as súas familias. Contempla aulas de reforzo educativo; reforzo educativo individualizado; orientación educativa individualizada e grupal con familia e alumnado facendo especial fincapé na capacitación competencial e dixital; coordinación con centros educativos e outros axentes e servizos.

A Fundación Secretariado Xitano é unha entidade social sen ánimo de lucro que presta servizos para o desenvolvemento da comunidade xitana, tanto no noso país como a nivel europeo.

ALCER, Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril da Coruña
Este convenio financiará o programa "ALCER 7 vidas. Programa de sensibilizacion en materia de doazón de órganos". Así mesmo, a través do presente convenio ALCER ofrécese ao Concello de Santiago como entidade colaboradora para acoller a persoas que están a realizar traballos en beneficio da comunidade como forma de integración social.

Este proxecto pretende fomentar a doazón de órganos entre a poboación de Santiago de Compostela a través dunha información clara e real sobre a temática e, inculcando unha visión positiva do acto de doar.

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril está formada por un conxunto de entidades provinciais que teñen como obxectivo prestar atención psicosocial a este colectivo e aos seus familiares. Ademais da atención, asesoramento e intervención con persoas con enfermidade renal, entre os obxectivos das entidades AlCER tamén está a sensibilización á cidadanía sobre a doazón de órganos.

Colexio de Avogados de Santiago de Compostela
O convenio subvencionará o programa "Servizo de quenda de letrados/as especializados/as en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía previa administrativa e laboral".

O proxecto ten a finalidade de facilitar o asesoramento xurídico para a vía administrativa previa, de xeito que ningún sector da poboación , por carecer dos coñecementos xurídicos necesarios se vexa menoscabado no seu dereito a defensa. Para cada asunto é designado/a un/unha profesional da quenda de letrados especializados en dereito administrativo e laboral. O trámite para a solicitude de letrado e a cargo do persoal administrativo do Colexio.

Esta quenda especializada concrétase na asistencia e orientación ás persoas que acrediten insuficiencia de recursos económicos (de conformidade co baremo económico consignado nas normas de xustiza gratuíta), que residan no municipio de Santiago e, precisen interpoñer os recursos administrativos previos á xurisdición contencioso-administrativa ou a xurisdición laboral de conformidade coas normas de xustiza gratuíta.

Compartir: