PLENO

O pleno aproba o DAE e o borrador da modificación puntual do PXOM no ámbito da zona do Peleteiro

29/07/2021 O Pleno do concello de Santiago de Compostela, que comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, aprobou o "Documento de Avaliación Ambiental e o Borrador da Modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), no ámbito do PERI-12. Antigo Colexio Manuel Peleteiro"; cos votos a favor de Grupo Socialista, Compostela Aberta e BNG, e o voto en contra do PP.

Este punto, o número 4 na orde do día, defendeuno o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, no turno de réplica. O rexedor sinalou que "hoxe o Peleteiro é unha ferida aberta no Ensanche que cómpre pechar, e un espazo de oportunidade que ofrece enormes posiblidades". Coa aprobación do documento, indicou, "demos un paso importante, e espero que poidamos aproximar posicións facendo concesións, todos, nun futuro próximo". "Temos que pechar esa ferida e por en valor ese espazo ao servizo da veciñanza", rematou dicindo.

O DAE explicouno a a concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón sinalou que o documento tivo en conta as propostas de Compostela Aberta, e indicou que no momento en que se aprobaron os instrumentos de planeamento para a parcela nos anos 2003 e 2005, a Administración municipal estimou conveniente, para revitalizar o Ensanche, a implantación nesta zona dun centro de actividades múltiples, de uso predominantemente terciario e comercial, que favorecese a dinamización social e económica da zona.

Mercedes Rosón recordou que a "Comisión especial para o desenvolvemento urbanístico da parcela do antigo Colexio Manuel Peleteiro," reuniuse en varias ocasións, co obxecto de estudar as propostas presentadas polo actual propietario, Arqura Homes, e as distintas alternativas a considerar no Documento ambiental estratéxico.

A concelleira de Urbanismo explicou que o DAE "debe definir os obxectivos do plan e propoñer varias alternativas, que sexan técnica e ambientalmente viables, ponderando os seus efectos ambientais e urbanísticos". Lembrou que no documento presentado pola propiedade que se someteu á comision informativa do día 26 de xullo, analizábanse 5 alternativas -ademais da alternativa 0, que é de obrigada consideración-, e avaliáronse as vantaxes e inconvenientes de cada unha delas.

"Como consecuencia", sinalou Mercedes Rosón, "das propostas presentadas polo Grupo Municipal de Compostela Aberta e froito das reunións mantidas no seno e fóra das Comisións celebradas nestos meses, no DAE presentado pola propiedade plantéxase incorporar os seguintes axustes para o que se solicitará á propiedade a presentacion dun Documento Ambiental Estratéxico reformado", que quedaría, con cinco propostas ou alternativas, da seguinte maneira:

As alternativa 0 sería a non intervención urbanística e executar o desenvolvemento da ordenación prevista no vixente PERI-12; e a alternativa 1, sería non facer nada, e continuar coa situación actual do edificio dotacional existente sen uso.

Suprímese a alternativa 2, que se entende substituída pola alternativa 4. Esta alternativa catro que é a que se incorpora ao Borrador, contempla dúas entradas á praza, a principal por San Pedro de Mezonzo, e outra de 13 metros por San Pedro de Mezonzo.

A alternativa 3, que contempla unha única entrada á Praza por República Arxentina; e a alternativa 4, que é a incorporada a petición de Compostela Aberta con apertura á rua Republica Arxentina cun edificio telón e outro que pecha a medianeira do edificio número 26 da Rúa República Arxentina. A alternativa 5 incorpora a petición de Compostela Aberta, que é que someteu a aprobación inicial no ano 2019.

O pleno tamén aprobu unha emenda do Grupo Socialista que di: "a adopción do presente acordo non leva implícita a aprobación da proposta de ordenación que se contén no Borrador do Plan, a cal poderá modificarse, adaptarse ou substituírse no proxecto que se someta a aprobación inicial con suxeción ao que resulte do informe ambiental estratéxico".

Nese mesmo debate, tamén se incluíu, aínda que se votou por separado e se aprobou, a proposición do Grupo Municipal do Partido Popular para o estudo das posibilidades de incorporar á recualificación da parcela do antigo colexio Peleteiro dunha maior utilidade pública.

Antes de debaterse o proxecto Peleteiro, o Pleno aprobou por unanimidade o Estudo de Detalle da parcela EQ-2 do parque empresarial da Sionlla. Tamén deu luz verde á aprobación definitiva do "Estudo de detalle para a mellora da accesibilidade e as condicións xerais nas edificacións do grupo de vivendas Diego Xelmírez. Santa Marta de Arriba, números 25 a 33·.

Ademais dos asuntos urbanísticos aprobados, o pleno deteminou os festivos locais para o ano 2022, que serán novamente a Ascensión e San Roque.

Outros asuntos
Os catro grupos con representación no pleno acordaron presentar unha moción conxunta sobre a protección das persoas LGTBIQ que insta ao Pleno da Corporación a declarar o Concello de Santiago de Compostela como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia e a comprometerse coas políticas públicas para promover e protexer os dereitos das persoas LGTBIQ.

Tamén se aprobou por unanimidade a proposición do BNG para a realización das obras comprometidas para a humanización da zona do Restollal, no Castiñeiriño; as mocións do BNG para habilitar novos parques de cans ceibos e retomar a campaña de concienciación sobre bos hábitos e convivencia con mascotas, e para habilitar unha instalación externa adecuada na praza do Irmán Gómez que facilite a labor da cociña económica; e a moción presentada por Compostela Aberta, na que solicitaba mellorar a a seguridade viaria na estrada DP0701 de Santiago ata Portomouro.

Compartir: