POLÍTICAS SOCIAIS E IGUALDADE

Máis de 230.000 euros para distintas entidades sociais

28/07/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá os convenios de colaboración para 2021 coas seguintes entidades sociais: FEAFES (60.000 euros), Don Bosco (5.000 euros), ASPANAES (3.000 euros), Fundación Andrea (3.000 euros), Fundación Down Compostela (10.000 euros) e Caritas Diocesana, con quen se asinaron dous convenios, un correspondente á Concellería de Políticas Sociais (120.000 euros) e outro á de Igualdade (30.000 euros). Estiveron presentes no acto as concelleiras Mila Castro e Mercedes Rosón.

En total, os sete convenios asinados hoxe suman 231.000 euros.

FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE FAMILIARES E PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL DE GALICIA (SAÚDE MENTAL FEAFES- GALICIA)
O convenio subvencionará o programa "Atención a persoas con enfermidade mental crónica e a persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión", que trata de dar resposta á situación de carencia de necesidades básicas, entre elas a vivenda, pola que atravesan as persoas con enfermidade mental en grave risco de exclusión, as súas familias e as persoas con enfermidade mental en xeral en Santiago de Compostela.

A actuación fundaméntase principalmente na intervención directa e na coordinación e derivación aos recursos da comunidade para o tratamento destas patoloxías e a atención das súas necesidades. O fin da proposta é contribuír a mellorar a atención social e sanitaria destas persoas e súa calidade de vida.

ESCOLA DE TEMPO LIBRE DON BOSCO
O convenio financia o proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti". Debido á COVID-19 xurde, máis ca nunca, a necesidade de programas de conciliación para as familias, especialmente as máis vulnerables, e a necesidade de intensificar accións para que os rapaces e as rapazas e adolescentes de colectivos vulnerables non perdan o tren da educación e da formación.

Este proxecto vai enfocado nunha parte a cubrir esas necesidades de educación e formación, e doutra, a tratar de facilitar a conciliación para esas familias que ven o verán como unha oportunidade de retomar e reorientar a súa vida laboral.

O proxecto está dirixido a rapaces e rapazas de entre os 4 e os 17 anos coa idea de facer do tempo libre unha ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores. Un espazo para o desenvolvemento de actividades que fomenten a convivencia, a tolerancia dentro dun contexto atractivo e divertido para eles e elas. Por iso, as vacacións escolares e as tardes dos períodos lectivos son os momentos onde se desenvolven as actividades. Nas tardes do calendario escolar ofrécese ademais un programa de reforzo escolar. As persoas destinatarias prioritarias son rapaces e rapazas que se encontran dentro do sistema de protección de menores en diferentes casas de acollida da cidade, os/as derivados/as polos servizos sociais municipais e rapaces e rapazas de familias inmigrantes ou pertencentes a etnias minoritarias. Preténdese que estes/estas destinatarios/as convivan co grupo de rapaces e rapazas en situación de normalización que tamén participan nas actividades, converténdose deste xeito, en espazos de prevención da exclusión social.

ASPANAES
Este convenio permite o desenvolvemento do programa de información, orientación valoración e apoio familiar para persoas con TEA. ASPANAES como entidade especializada en Trastornos de Espectro Autista dende o ano 1979 ofrece este servizo en función das demandas existentes por parte das familias que necesitan recibir información, valoración e orientacións adaptadas ás características e á realidade da persoa usuaria que empreguen criterios de boas prácticas.

Ten como finalidade acompañar ás familias de persoas con Trastornos de Espectro Autista (TEA) no seu proxecto de vida, partindo dos seus propios recursos e fortalezas, atendendo as súas necesidades e demandas, e facilitando os apoios necesarios para mellorar a súa calidade de vida e o benestar de cada un dos seus membros.

FUNDACIÓN ANDREA
Finánciase o tratamento psicoterapéutico para as familias con fillos/as con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A intervención divídese en tres áreas para poder sobrelevar dunha mellor maneira a enfermidade dos pequenos: intervención directa só cos nenos e nenas; intervención familiar onde se imparte a actividade conxunta co neno ou nena e familia; intervención grupal onde interactúan con máis familias que teñen unha situación parecida.

Os obxectivos, aprender a sobrelevar múltiples situacións realmente adversas que no día a día se lles poidan presentar; proporcionar uns recursos emocionais que lles permitan sobrelevar circunstancias desestabilizadoras dun modo máis positivo; resolución de problemas, asumir e saber vivir coa enfermidade.

FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA
O convenio financiará o proxecto de vida independemente "Isto é vida", que non se entende como un recurso no que a persoa beneficiaria vaia permanecer toda a vida, senón que está deseñado para capacitar as persoas coa Síndrome de Down ou discapacidade intelectual para vivir no seu propio fogar, para planificar o seu futuro e para realizar os seus proxectos de vida.

Actualmente, as persoas usuarias participan en estancias curtas que xeran experiencias de vida independente na que o grupo é o encargado de establecer unhas normas de convivencia baseadas no respecto e na participación activa dentro do fogar e a contorna comunitaria.

As estancias consisten en estratexias planificadas de aprendizaxe e capacitación en autonomía e vida independente. Ditas estancias teñen lugar entre semana, de luns a venres durante todo o ano, aínda que tamén se deseñan e desenvolven estancias nocturnas, durante a fin de semana.

O desenvolvemento das actividades ten lugar na vivenda de Fontiñas (en cesión por parte do IGVS da Xunta de Galicia), onde as persoas usuarias levan a cabo as diferentes tarefas domésticas que a xestión dun fogar require. Deste xeito, e sempre coa supervisión e apoio de profesionais, acádanse, grazas á colaboración entre participantes, as súas familias e os profesionais, os obxectivos para os que naceu este proxecto.

CÁRITAS
Con Cáritas asínanse dous convenios: Atención primaria (concellería de Políticas Sociais) e Vagalume (correspondente á concellería de Igugaldade).

O primeiro deles, dotado co maior investimento, financia dous programas: o específico de atención primaria, que desenvolve Cáritas Interparroquial, e o programa Alares para persoas sen fogar.

Atención primaria

Cáritas Interparroquial de Santiago, a través do programa de atención primaria, atende a persoas en risco de exclusión social, tratando de dar resposta a calquera demanda social que sexa precisa. O traballo oriéntase dende diferentes eidos: a acollida, usando a técnica da entrevista; a atención, por medio da cal se detectan as necesidades e a orixe do problema; e a resposta, dun xeito integral segundo a demanda.

Todos estes aspectos coordínanse cos servizos sociais comunitarios da Área de Políticas Sociais do Concello para a resolución e resposta inmediata ante solicitudes de axudas de emerxencia xa previamente valoradas polos/as técnicos/as municipais no marco do presente programa de atención primaria.

En segundo lugar, finánciase o programa ALARES de vivendas de transición á autonomía para persoas sen fogar, que desenvolve Cáritas Diocesana nun inmoble sito no barrio de Fontiñas de titularidade municipal.

Este proxecto nace para dar resposta á falta de recursos residenciais de media e longa estancia para aquelas persoas en grave risco e precariedade social nas condicións propias dun fogar. A finalidade desta vivenda/fogar é a de restaurar o seu proxecto vital, saír gradualmente desa situación de exclusión e reincorporarse de maneira activa exercitando todos os seus dereitos e participando en condicións de igualdade nos diferentes ámbitos locais da cidade. Considérase, polo tanto, esta vivenda como un medio para o acceso a outros dereitos, para iniciar procesos de cambio e mellora da situación das persoas ás que se atende.

Programa Vagalume

O programa Vagalume de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución busca continuar coa atención integral ás participantes nos seus procesos de desenvolvemento persoal que terían como obxectivo lograr o seu empoderamento persoal, social, familiar e laboral, especialmente no momento actual co aumento de vulnerabilidade social e de saúde por mor da situación de alerta COVID-19.

Para lograr este obxectivo incídese en diferentes áreas interrelacionadas a través de diversas actividades. Na área persoal facilítarase o apoio no relacionado coa saúde física e emocional e no desenvolvemento da vida diaria; na área social promóvese o acceso aos diferentes recursos e realizarase mediación cos mesmos, tanto para necesidades básicas como para proxectos sociais de inserción; na área de asesoría xurídica atenderanse as consultas relacionadas con temas xurídicos con afectación directa por situación do estado de alarma (documentación, prazos, procedementos xudiciais, alugueiros…); na área de saúde, mellora de calidade da vida e intelixencia emocional; na área formativa ofrécese formación prelaboral (adquisición de coñecementos culturais, habilidades sociais, xénero e violencia de xénero, saúde...); e na área laboral, competencias clave, orientación para unha busca activa de emprego.

Compartir: