TURISMO

Turismo de Santiago atendeu 4.500 consultas na semana do Apóstolo, o maior número semanal dende outubro do 2019

27/07/2021 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, acompañado da xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixo unha valoración da evolución da temporada de verán ata o de agora, centrándose en especial nos bos datos das Festas do Apóstolo, e as previsións positivas que se manexan dende Turismo de Santiago cara aos vindeiros meses, que indican que Santiago recibirá en xullo arredor de 25.000 peregrinos, a mellor cifra dende finais da temporada de verán do 2019.

Sindo Guinarte destacou que Santiago está vivindo unha crecente e importante reactivación turística dende o levantamento do segundo Estado de Alarma a comezos do mes de maio. Puxo como exemplo a evolución das consultas na oficina de información turística, onde se atenderon a 4.472 persoas na semana do Apóstolo, do 19 ao 25 de xullo. Foi a semana na que se atendeu a un maior número de persoas dende finais da temporada de verán do 2019. En concreto, dende a semana do 7 ao 13 de outubro cando se atenderon a 5.862 persoas.

O concelleiro tamén quixo destacar que no pasado 24 de xullo chegaron á cidade 2.026 peregrinos. Unha cifra que superou incluso o número de peregrinos que chegaron o 24 de xullo do 2019, o ano previo ao comezo da pandemia. No momento actual, segundo destacou Sindo Guinarte, apenas un par de meses despois do levantamento do segundo Estado de Alarma, esta cifra amosa o interese que hai por visitar Santiago. Nesta liña, apuntou que o mes rematará con arredor de 25.000 peregrinos, sendo o mellor mes tamén dende outubro do 2019.

Respecto da evolución dos vindeiros meses, o concelleiro de Turismo dixo que as perspectivas son positivas, sempre dende a prudencia que demanda a incertidume da situación. A previsión é que nos meses de agosto e setembro continúe a boa tendencia do turismo español, que é o que está reactivándose en primeiro lugar, e que o turismo internacional tamén comece a vir dun xeito relevante á cidade, aínda que nun proceso máis acompasado ás restriccións globais á mobilidade.

Así por exemplo, explicou que en xuño deste ano houbo 53.282 pernoctacións de turistas españois na cidade, segundo o INE. Esta cifra é un 22% menor que as pernotacións de xuño do 2019, unha caída non tan brusca como sería de agardar no contexto actual. Esta cifra sitúase nos datos que houbo entre 2012 e 2017, cando as pernoctacións de turistas nacionais no mes de xullo enmarcábanse entre as 50.000 e as 60.000.

Sindo Guinarte tamén quixo poñer en valor os datos de xuño do aeroporto, que apuntan á tendencia que previsiblemente se manterá neste xullo e nos vindeiros meses. O aeroporto de Santiago tivo en xuño 136.512 pasaxeiros, fronte aos 10.000 que tivera en xuño do ano pasado. Respecto do 2019 foi o segundo aeroporto con menor caída de tráfico de entre os 16 principais aeroportos de España. A caída media da rede de Aena foi do 66%. En Santiago o descenso foi de 16 puntos menos, situándose no 50%.

Nesta liña, o concelleiro apuntou que a previsión é que as cifras de tráfico de pasaxeiros continúen nunha clara tendencia de recuperación nos meses de verán, impulsando tamén o turismo internacional, xa que nestes meses están recuperándose practicamente todas as rutas directas con destinos europeos do aeroporto: Londres, Frankfurt, París, Milán, Dublín, Amsterdam, Bruxelas, Zurich, Xenebra e Basilea.

Compartir: