EDUCACIÓN

En marcha o programa English Summer School

29/06/2021 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, visitou esta mañá o CEIP Pío XII, con motivo do comezo das actividades do programa de verán English Summer School, no que están inscritos 75 nenos e nenas de primaria.

Este programa está dirixido a nenos e nenas empadroados no concello de Santiago de Compostela ou que cursen actualmente algún dos cursos de Educación Primaria nun centro educativo do municipio, con niveis de inglés diferentes. Segundo sinalou o concelleiro, "é unha oportunidade de aprendizaxe que combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos e actividades deportivas, para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar e mellorar o seu inglés á vez que utilizan este tempo para procurar novas relacións socializadoras".

O programa "English Summer School", desenvolverase ata o vindeiro 30 de xullo nas instalacións do CEIP Pío XII. Este ano, coas peculiaridades derivadas da situación excepcional que estamos a vivir por mor da COVID-19, que obrigou a que as autoridades sanitarias tomasen medidas preventivas para paliar os gromos epidémicos e que afectan tamén ao servizo de conciliación que tradicionalmente oferta o Departamento de Educación, este opta pola realización do programa "English Summer School" como alternativa ao mesmo.

Rubén Prol fixon fincapé en que "as medidas establecidas sucesivamente para paliar os gromos epidémicos, restrinxindo ou mesmo prohibindo o establecemento de actividades destinadas aos nenos e nenas, supuxo a imposibilidade de prever anticipadamente a prestación dos servizos de conciliación, xa que as características técnicas, económicas e prestacionais do mesmo dependen directamente da evolución das medidas de control epidémico establecidas, e polo tanto, condicionan a capacidade de previsión do órgano de contratación conforme aos principios de programación e boa xestión".

Características do programa
Destinatarios: nenas e nenos empadroados no concello de Santiago de Compostela ou que cursen actualmente algún dos cursos de Educación Primaria nun centro educativo do municipio.

Datas de realización e modalidades de participación: O programa desenvolverase durante o período comprendido entre o 28 de xuño e o 30 de xullo de 2021 (ambos os dous inclusive).

As modalidades a escoller polos interesados son:

Opción 1: todo o mes, do 28 de xuño ao 30 de xullo de 2021.

Opción 2: Primeira quenda, do 28 de xuño ao 16 de xullo de 2021.

Opción 3: Segunda quenda, do 19 de xullo ao 30 de xullo de 2021.

O horario das actividades é de 09:30h a 14:00 horas.

Co obxecto de facilitar a conciliación das familias, está previsto un horario de acollida dos usuarios que o necesiten, desde as 8:00h ata as 9:30h. Ese mesmo servizo de acollida préstase desde as 14:00h ata as 15:00h.

Programación
O programa de verán English Summer School oferta distintas actividades, talleres e saídas didácticas por lugares de interese da cidade. É unha oportunidade de aprendizaxe que combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos e actividades de ocio e deporte, para aproveitar o tempo da actividade non escolar e practicar e mellorar o seu inglés, procurando novas relación socializadoras.

A primeira parte da mañá, Fun English, consta de actividades dinámicas e lúdicas na aula, na que as/os rapazas/es poñen en práctica a pronunciación, incorporan novo vocabulario a través das actividades programadas e sobre todo poñen en práctica o seu nivel de inglés dunha forma divertida e amena, propia do período estival no que estamos.

Na segunda parte da mañá organízanse os talleres:

* Talleres de cociña: a través da elaboración de sinxelas receitas, as nenas e nenos practicarán novo vocabulario de cociña, ingredientes, procesos de elaboración das receitas, etc.

* Science Lab e Technology Lab: actividades orientadas a pequenos experimentos nos que practicarán o idioma aplicado á tecnoloxía e as ciencias.

* Music and Film: taller orientado á práctica de música, teatro, baile… As persoas participantes traballarán a expresión corporal e oral, introducindo novo vocabulario e gramática dunha forma lúdica, divertida e amena.

* Arts and Crafts: a través de talleres de manualidades, as nenas e nenos, poderán practicar o seu nivel de inglés e poñen en práctica os coñecementos obtidos tanto o curso escolar como na propia escola de verán.

* Games: a través de xogos tradicionais, búsquedas do tesouro, entre outras actividades no exterior, seguirán poñendo en práctica todo o aprendido.

Semanalmente faranse saídas cos grupos a museos, lugares de interese da cidade, etc, sendo estas visitas totalmente en inglés, fomentando así a mellora da fluidez e pronunciación de todas e todos os participantes. Entre as visitas previstas podemos citar o Parlamento de Galicia, O Museo de Historia Natural "Luis Iglesias", o Museo do Pobo Galego, o Museo Casa da Troia, a Casa do Concello, a Policía Local, a Alameda de Santiago, etc.

Compartir: