OBRAS

O Concello de Santiago inicia a renovación dos bancos do Campus Sur

29/06/2021 Os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e o de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, xunto ao reitor da USC, Antonio López, asistiron ao inicio da primeira fase de substitución dos bancos do Campus Sur. En total, nesta primeira fase, vanse renovar 12 bancos na zona do estanque, na avenida de Antonio Raimundo Ibáñez.

O obxectivo desta actuación, dividida en varias fases e que está previsto que se estenda a todo o Campus Sur, é cambiar os bancos máis deteriorados por uns novos, e restaurar o resto. Trátase dunha acción previa pero complementaria a outro proxecto de gran importancia para a zona: a recuperación do Campus Sur para a cidadanía.

Esta actuación de renovación do Campus Sur, enmarcada no programa EDUSI-REVIVE COMPOSTELA, conta con financiamento de Fodos Europeos FEDER e encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural". Conta cun orzamento estimado de 240.000 euros, e desenvolverase nunha área de 57.000 m2.

O obxectivo principal é revitalizar e rehabilitar o conxunto patrimonial, de valor histórico-artístico na cidade, así como contribuír á consolidación da presencia do Campus na cidade.

Os criterios de actuación serán os seguintes:

- Desenvolver novas fórmulas de organización dos espazos, optimizándoos e reutilizándoos, mellorando as condicións xerais de urbanización, con criterios de sostibilidade.

- Mellorar a mobilidade e accesibilidade, aumentando os espazos peonís e reorganizando o acceso de vehículos e aparcadoiros.

Neste contexto, levarase a cabo unha revitalización e rehabilitación do conxunto patrimonial en cuestión, coas seguintes actuacións principais:

- Peonalización da zona central da residencia de estudantes.

- Reordenación de usos con preferencia para os percorridos peonís con especial interés na xeración de espazos de calidade.

- Reurbanización con novos materiais acordes ao especial interese patrimonial do entorno e con criterios de sostibilidade.

- Reordenación con mantemento e renovación de xardíns e especies vexetais, con criterios de sostibilidade.

- Adaptación do espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

A maiores destas actuacións prevese, dentro da EDUSI, a programación de actuacións complementarias no resto do ámbito do Campus que serían financiadas con fondos propios do Concello de Santiago, entre as que se atopa a renovación dos bancos da USC, realizada pola brigada de Obras do Concello de Santiago.

Compartir: