EDUCACION

A veciñanza de Lavacolla e o alumnado do CEIP Rodríguez Xixirei compartirán a utilización do edificio multiusos

30/05/2021 A veciñanza de Lavacolla e o alumnado do CEIP Rodríguez Xixirei compartirán, na realización de diferentes actividades, o uso do edificio multiusos de Lavacolla. Así se consensuou coa ANPA do centro escolar, coa Asociación de Veciños Ruta Xacobea; e coa asociación Lavacolla Activa. Foi nun encontro celebrado esta semana, no que estiveron presentes o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e os concelleiros de Medio Rural, Xosé Manuel Pichel e de Educación, Rubén Prol.

Previamente o alclade e o concelleiro de Educación mantiveron unha reunión coa dirección do centro educativo. Según sinalaba Rubén Prol, o uso dual era unha das reivindicacións da veciñanza, que xa viñan utilizando as instalacións "antes da pandemia, onde tiñan oportunidade de realizar algunhas actividades, como zumba ou ximnasia de mantemento, que veñen sendo correspondentes coa utilización que lle queren dar agora, como nos manifestou Lavacolla Activa, en horario de tarde."

Explicou Rubén Prol que as tres asociacións amosáronse dacordo en que o edifificio multiusos "teña un uso preferente educativo" ata a tarde; e que despois se poida realizar "algunha actividade física en porveito da comunidade máis alá dos usos que ten o colexio", xa que o local do que dispón a asociación non é apto para uso deportivo.

O concelleiro de Educación sinala que hai unha disposición "boa" por parte da comunidade educativa e das entidades sociais, e o único que resta e resolver "os trámites para que o alumnado e a veciñanza de Lavacolla desfruten do inmoble nas mellores condicións posibles". Recordou que as obras de adaptación, "tan necesarias", xa están finalizadas e agora "procederemos a ofrecer o inmoble a Xunta de Galicia para a súa adscrición ao centro e acordar o uso veciñal". Ese trámite de adscrición debe realizalo a Xunta, a través da consellería de Educación.

Ademais do alcalde e dos concelleiros de Medio Rural e de Educación, no encontro estiveron presentes Luis Carretero Castiñeira, presidente da ANPA do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei; Manuel Salvado, presidente da AV Ruta Xacobea; e Alejandra Tarrío e a Ana Isabel Rodríguez, tesoureria e secretaria respectivamente da asociación sociocultural Lavacolla Activa.

Compartir: