CENTROS SOCIOCULTURAIS

O concello de Santiago celebra o "Día Internacional do xogo" coa organización de distintas actividades na Alameda

28/05/2021 A rede de Centros Socioculturais programou, para esta tarde, distintas actividades de ocio na Alameda, para conmemorar o "Día Internacional do dereito ao xogo". Comezaron as 17:00 h. con globoflexia, un circuito de xogos, no que non se esqueceron os máis tradicionais, monicreques, contos e ata un espectáculo teatralizado.

Neste último espectáculo estiveron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e os concelleiros de Centros Socioculturais, Javier Fernández, e de Educación, Rubén Prol; aos que se sumou un pouco máis tarde a portavoz do BNG local, Goretti Sanmartín.

Os actos remataron coa lectura dun manifesto baixo o lema "Xogar é un dereito". Un manifesto, que contén o compromiso de promocionar a importancia do xogo na vida das persoas, "comezando pola nosa contorna máis próxima, a familia, e ampliando a nosa área de influencia sempre que nos sexa posible".

O texto tamén amosa o apoio do concello de Santiago na celebración do Día internacional do xogo", para "unificar, difundir e amplificar o convencemento de que xogar é un dereito para a infancia e unha necesidade ao longo da vida".

Compartir: