COMERCIO

Preséntase "Prima 21. A festa do comercio local", que se desenvolverá no primeiro fin de semana de xuño en diferentes barrios da cidade

28/05/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, animou ao sector comercial e as asociacións a participar en Prima 21. A festa do comercio local", que se desenvolverá o xoves 3, o venres 4 e sábado 5 de xuño de 2021 en distintos barrios de Santiago. Un evento, sinalou o rexedor, "con vocación de continuidade, co fin de consolidar unha festa do comercio en primavera". Ademais do alcalde, na presentación estivo presente a técnica responsable da área de Comercio, Lucía Castro quen explicou que o obxectivo "é dinamizar o consumo á vez que se lle dá unha nota de cor e alegría á cidade, coas distintas actuacións e actividades programadas".

Durante o transcurso de Prima 21, os comercios poderán presentar os seus produtos e servizos nas beirarrúas sen necesidade de solicitar un permiso específico, aínda que deberán permitir o acceso aos portais de vivendas e ao tránsito peonil, para o correcto desenvolvemento desta festa.

Unha festa, con vocación de continuidade, segundo o alcalde, que conta cun intenso programa de actividades durante as tres xornadas, para as que non é preciso reservar entrada. Actividades como animación de rúa ou concertos para todos os públicos en diversas zonas da cidade, incluidos os barrios máis comerciais, cubrindo toda a Zona Vella, Ensache, As Fontiñas, San Pedro e Conxo.
Pasarrúas, animacións musicais, concertos, teatro, desfiles tradicionais e cabaré de circo son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completará con obradoiros de artesanía de grabado, acibeche e ourivería, impartidos polos mestres artesáns Ourives de Compostela, Ricardo Rivas. Manuel Tojo e Adonis Suárez.

Esta é a segunda edición dunha festa que, xa o pasado ano, conseguiu movilizar e dinamizar as compras, con moi boas impresións por parte de cidananía e comerciantes.

A maiores, o concello impulsa a marca do comercio de Santiago "Eu Merco Aquí", e faino ligado a estas festas para afianzar o seu compromiso co comercio local. Adiantan unha nova campaña de comunicación coa mensaxe "Se es intelixente, merca aquí" que defende que mercar no comercio local non é unha cuestión de xenerosidade ou altruísmo, é un acto intelixente. Dita campaña comezará coa festas da Prima 21 e continuará durante todo o mes de xuñ, coa difusión dun vídeo e outras accións publicitarias e de animación.

No marco da festa Prima21, o Concello distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, debe dirixirse a calquera delas: CCA Comercio Punto Compostela, CCA Santiago Centro, CCA Compostela Monumental, Asociación Em Rede, Ourives de Compostela e Asociación de Comerciantes de Área Central. Así mesmo, repartiranse aos comercios, a partir de hoxe, venres 28 de maio, un cartel e folletos coa programación de actividades de animación da festa.

Xa é posible consultar todo o programa completo da Prima 21 coas localizacións de cada actividade, itinerarios e artistas en comercio.santiagodecompostela.gal.

Compartir: