EDUCACIÓN

O espectáculo "Desconcerto" achegará ao alumnado da Escola Municipal de Música, melodías clásicas en clave de humor

28/05/2021 O concelleiro de Educación, Rubén Prol, presentou, xunto a Félix Rodríguez e Fran Rei, de Culturactiva Producións, o espectáculo "Desconcerto"; un concerto dirixido ao alumando da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela que terá lugar o vindeiro luns, 31 de maio, ás sete da tarde no Predio de Vista Alegre, baixo a direccion de Marcos Orsi. O obxectivo desta montaxe cómica é achegar a música aos máis cativos a través do humor.

"Desconcerto" é un espectáculo cómico sobre a música culta. Os protagonistas aparecen, por accidente, no escenario dun concerto de música culta. Coa orquestra a piques de comezar o repertorio e o público preparado para gozar co recital, vense na obriga de facerse pasar por reputados músicos para saír da situación. Curiosamente, a partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando non sen diversos atrancos cómicos.

"Desconcerto" é, en palabras do concelleiro Rubén Prol, "un divertimento que mestura temas en directo con rigorosos play-backs sobre a música culta". Segundo destacou Fran Rei, a "música clásica pode ser divertida, é divertida. Ese é o espíritu do espectáculo".

Tratase dnha montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica. Ao longo dos seus sesenta minutos de duración, neste espectáculo conviven, como recordou Félix Rodríguez, pezas musicais clásicas de compositores como Leroy Anderson, Bach, Mozart, Beethoven ou Rossini, e rutinas teatrais cómicas protagonizadas polo director da orquestra, diversos solistas, cancións a dúo, unha conferencia condensada sobre a música clásica e ata un número de ballet. Para o músico Félix Rodríguez, esta proposta racha cos protocolos da música culta para achegala ao público en xeral".

Na organización de "Desconcerto" colaboran o departamento de Educación, a Escola Municipal de Música de Santiago e Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega.

Compartir: