CENTROS SOCIOCULTURAIS

A rede de Centros Socioculturais convoca un concurso de carteis para o programa "Vive o verán 2021"

30/03/2021 A concellaría de Centros Socioculturais acaba de convocar o concurso de carteis para o programa "Vive o verán 2021" da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago. Trátase de elixir, mediante o voto das compostelás e composteláns, a través das redes sociais, o cartel da campaña. O prazo de recepción de traballos ábrese o 5 de abril, ás 10:00 h. e finaliza o xoves, 29 de abril, ás 20:00 h.

No certame poden participar todas as persoas que asistan ás actividades de pintura da rede de Centros Socioculturais. As obras, ata un máximo de dúas por persoa, deberán ser inéditas e non estar presentadas a ningún outro concurso. Non poderán supor copia ou plaxio de escenas fotográficas, carteis o debuxos xa publicados en calquera das súas formas.

As obras terán que achegar un documento cos seguintes datos persoais: nome e apelidos, teléfono, enderezo electrónico e centro onde desenvolven a actividade. O día 30 de abril, unha vez recibidas todas as obras, iniciarase unha exposición virtual no Facebook da rede de centros socioculturais. Esta mostra virtual manterase ata o sábado, 15 de maio de 2021, ás 1200 h. Nestes quince días, a cidadanía poderá emitir o seu voto mediante o "gústame" ou o "encántame" no cartel que o desexe, para así elixir a obra gañadora.

As obras que se presenten ao concurso poderán ser de concepción e técnicas libres, sempre que sexa posible a súa reprodución. O formato será vertical e o tamaño máximo 50 por 70 cm. A persoa gañadora recibirá como premio, material de debuxo e pintura.

Compartir: