MEDIO RURAL

Comezan as obras da senda peonil de Laraño e o luns está previsto que se incie a prolongación das beirrarúas da Rúa do Tambre

27/02/2021 Esta semana comezou a execución das obras de "Senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño", na parroquia de Laraño; promovidas pola concellaría de Medio Rural do Concello de Santiago. Os traballos contan cun orzamento de 126.420 euros, e un prazo de execución de catro meses.

Consistirán, segundo explican desde a concellaría que dirixe José Manuel Pichel, na prolongación da beirarrúa existente na Rúa da Xunlla, para que conecte de forma segura coa parcela onde se atopa o centro sociocultural da parroquia e a escola infantil do Rial. Contemplan tamén a mellora do acceso peonil ás vivendas existentes nesa zona. Ademais, no tramo correspondente á estrada Bugallido-A Barcia mellorarase o pavimento de rodaxe da calzada. Para o inicio das obras coordináronse, coa colaboración da Asociación de Veciños de A Xunlla, as afeccións dos distintos terreos cos titulares das parcelas e vivendas lindantes.

Por outra banda, a concellaría de Medio Rural está traballando na redacción do proxecto construtivo para a ampliación da ponte do río Sar situado na Rúa da Xunlla, que actualmente soporta unha elevada circulación de vehículos que proveñen da autoestrada Santiago-Brión e que acceden á zona sur da cidade.

Obras nas beirarrúas da Rúa do Tambre
Por outra bando, o próximo luns, 1 de marzo, dará comezo a execución das obras de "Prolongación beirarrúa marxe pares (este) da Rúa do Tambre entre Meixonfrío e o polígono do Tambre", na parroquia de San Caetano, promovidas tamén polo departamento de José Manuel Pichel.

As obras contan cun orzamento de adxudicación de 256.933,99 euros, e un prazo de execución de tres meses. Contemplan a creación dunha beirarrúa que conecte de forma segura para os peóns o núcleo de Meixonfrío co polígono do Tambre, unha actuación moi solicitada pola veciñanza. Tamén se van mellorar as instalacións de subministro dos servizos básicos, e incrementarase a seguridade viaria mediante a creación dunha banda de aparcamento ordenada, o que favorecerá o calmado do tráfico e a recuperación dunha zona verde actualmente ocupada por vehículos.

Para a execución das obras foi necesario, coa participación da Asociación de Veciños da Gracia, dispor de terreos de titularidade privada mediante acordos de cesión voluntaria dos seus propietarios; unha colaboración en beneficio da veciñanza que agradece o Concello de Santiago.

Estas dúas actuacións, as obras en Paredes de Laraño e a prolongación das beirarrúas da Rúa do Tambre, enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a concellaría de Medio Rural, en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Compartir: