ALCALDÍA

O alcalde amosa a súa satisfacción ante a evolución positiva das cifras de covid na cidade pero chama a non baixar a garda

26/02/2021 Ante a flexibilización dende hoxe, venres 26 de febreiro, das medidas restritivas vixentes na cidade debido á redución das cifras da pandemia, o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, apelou novamente á prudencia e á responsabilidade da cidadanía para "non volver cara atrás".

"As miñas primeiras palabras teñen que ser de felicidade e alegría", indicou o alcalde en rolda de prensa, "pola evolución do coronavirus", que afecta na cidade a 152 persoas e que sitúa a incidencia acumulada a 14 días en 109 casos. Non obstante, "cómpre dicir que siguen sendo cifras moi moi elevadas, pero hai menos dun mes a IA era de 700". Por iso, a pesar desta "evolución netamente positiva", o rexedor lembrou que "debemos ser prudentes e responsables e traballar para que próximas decisións sexan para consolidar esta situación e para ir mellorando". Sánchez Bugallo agarda que estas medidas, como o levantamento do peche perimetral e a suavización das restricións na hostalería, permitan ir recuperando a actividade da cidade, especialmente a dos sectores máis afectados, e incluso o turismo.

Puntualizou o rexedor que "dende os servizos de seguridade do Concello seguiremos velando polo cumprimento da normas" porque "debemos ser concientes de que todo é moi fráxil".

Orzamentos
Sánchez Bugallo aproveitou a comparecencia para anunciar a intención do goberno municipal de levar a pleno na primeira quincena de marzo a aprobación inicial dos orzamentos. "A nosa intención é iniciar a semana que vén a tramitación formal" dos mesmos, indicou.

Tamén subliñou o rexedor que nese mesmo pleno se trataría a aprobación inicial da modificación do Plan xeral que recolle a regulación dos usos turísticos non só no casco histórico, senón tamén no conxunto da cidade. "Con posterioridade, abundou, tamén se planteará a elaboración dunha ordenanza regulatoria dos usos preexistentes para ver como se encaixa no novo plan".

Sobre os pisos turísticos, salientou o rexedor a aprobación no pleno ordinario de febreiro, celebrado onte, do texto refundido da modifición puntual do Plan especial da cidade histórica para dar cumprimento ás sentenzas do TSXG que "anulan o artigo 143 bis, que prentedía legalizar os pisos que estaban abertos con anterioridade a 2017".

Compartir: